Denuncian dous condutores este domingo por adiantar con perigo un ciclista na N-551

Pontevedra
12 de xuño 2017

Un integrante de Masa Crítica Pontevedra ía rodando a 37 km/h. volvendo da praia e sinala que se viu en perigo polas presas dos dous condutores que non agardaron para realizar un adiantamento seguro e legal. Presentou denuncia na Policía Local de Pontevedra

Condutor denunciado por adiantar un ciclista de forma perigosa Masa Crítica Pontevedra

Dous condutores foron denunciados durante as últimas horas por parte dun integrante de Masa Crítica Pontevedra que circulaba en bicicleta pola PO-551 procedente de Marín. Sinala que realizaron dous adiantamentos moi axustados, non só incumprindo os 1,5 metros de separación mínima lateral, senón que ambos pasaron a poucos centímetros do manillar do seu vehículo de dúas rodas.

Segundo sinalan desde Masa Crítica, o ciclista rodaba a 37 km/h. cando regresaba da praia e viuse en perigo porque os condutores non quixeron esperar a ter un momento no que puidesen adiantar de forma segura e legal.

Ante esta situación, á súa chegada a Pontevedra cursou denuncia ante a Policía Local para que a traslade ao subsector de tráfico e que se tramite a sanción de 200 euros estipulada pola lei, ademais da retirada de catro puntos da licenza de conducir.

Sinalan desde Masa Crítica que hai que respectar os 1,5 metros de distancia mínima lateral nos adiantamentos aos usuarios de bicicleta, esta manobra obriga a usar todo ou case todo o carril contrario. Lembran que é legal pasar unha liña continua sempre que non veña outro vehículo de fronte.

Este fin de semana faleceron cinco ciclistas en estradas de ámbito nacional. Para evitar accidentes, moitos usuarios de bicicletas saen con cámaras que proben estas situacións de risco que sofren.