Denuncian un home como responsable dunha mancha de aceite na que tivo un accidente un repartidor

Pontevedra
14 de marzo 2025
Actualizado: 14:41

A Policía Local localizou o presunto autor da vertedura grazas á colaboración cidadá. As testemuñas falan dun home cunha lata de aceite negro derramándoo pola calzada en Augusto García Sánchez

Mancha de aceite en Augusto García Sánchez Policía Local de Pontevedra

A Policía Local de Pontevedra denunciou un home como presunto responsable dunha mancha de aceite na rúa Augusto García Sánchez e agradece que foi posible grazas á rápida colaboración cidadá.

Segundo a información policial facilitada, o pasado 16 de febreiro un veciño chamou á Policía Local alertando do derramamento de aceite sobre a calzada e indicando que se xerara un risco para a circulación de vehículos e para os peóns.

Como consecuencia da vertedura, un repartidor que circulaba pola vía caeu ao chan. Sufrio lesións e danos materiais no seu ciclomotor.

Pouco despois da chamada cidadá, a Policía Local logrou localizar á persoa que coincidía coa descrición do sospeitoso aportada polo veciño.

Unha patrulla localizouno na rúa Eduardo Pondal, na esquina con 12 de Novembro e os axentes comprobaron que tiña as mans e a roupa manchadas de aceite.

O home recoñeceu os feitos e confesouse autor, de maneira que os policías comunicáronlle a súa condición de persoa investigada non detida como presunto responsable dun delito contra a seguridade viario.

Outras testemuñas que estaban presentes en Augusto García Sánchez relataron que había un home cunha lata de aceite negro derramándoo pola calzada e advertírono. 

Dende o corpo municipal procedeuse á elaboración do correspondente atestado por un posible delito contra a seguridade viaria.

Foi requirida da asistencia urxente do servizo de limpeza municipal para que procedese coa limpeza de todo o tramo de vía afectada para poder restaurar a seguridade de circulación na zona.