Denuncian o mal estado das rúas e espazos públicos de Chancelas

Poio
03 de novembro 2025
Actualizado: 18:11

O voceiro do PSOE, Gregorio Agís, lamenta que esta "falta alarmante" de mantemento en Chancelas é unha cuestión "que non pode seguir ignorándose" ao ser unha "tarefa básica" do Concello

Estado dun camiño de Chancelas

Tras meses denunciado o mal estado no se atopan as rúas da zona, os veciños de Chancelas recorreron ao grupo municipal do PSdeG-PSOE para que se fagan eco das súas reclamacións.

Solicitan así, a través dos socialistas, que o Concello de Poio actúe "con responsabilidade" ante o que consideran que é unha deterioración "evidente" da zona.

O voceiro do PSOE, Gregorio Agís, lamenta que esta "falta alarmante" de mantemento é unha cuestión "que non pode seguir ignorándose" ao ser unha "tarefa básica" do Concello.

Entre outras deficiencias, os afectados denuncian que no Camiño da Bouza os bordillos despréndense, a maleza invade o paso e a gran cantidade de baches dificultan a circulación de vehículos e peóns.

A iso suman que a baranda comprometida para mellorar a seguridade e evitar o risco de caída en altura segue sen instalarse.

Ademais, Agís sostén que o proxecto de mellora integral do núcleo de Chancelas permanece "gardado nun caixón" e non se presentou a ningunha convocatoria de fondos europeos.

Iso supuxo que se perdera unha "oportunidade clara" de investimento para o barrio.

Por último, na PO-308 o semáforo "leva máis dun mes desaparecido e sen repoñer", convertendo o cruzamento da estrada nun punto perigoso, especialmente para nenos e persoas maiores, nun tramo sen beirarrúas nin pasos seguros.

RESPOSTA DO GOBERNO LOCAL

O goberno municipal de Poio asegurou que os veciños de Chancelas seguen a sufrir "as consecuencias de máis de 30 anos de abandono por parte do bipartidismo PSOE e BNG", algo que, segundo afirman, tamén se repite noutros núcleos do concello.

Desde o executivo local instan aos socialistas a diferenciar entre propiedades públicas e privadas á hora de falar de tarefas como o corte de maleza.

Ao mesmo tempo, sinalan que os bordes soltos que se observan nalgúns camiños son consecuencia das "chapuzas" realizadas no seu momento para saír do paso.

O goberno de Poio subliña que o camiño da Bouza necesita unha solución integral que inclúa reposición de servizos, auga e saneamento, unha área que, segundo critican, o PSOE non abordou ata agora.

En relación co funcionamento dun semáforo do núcleo, explican que este resultou danado tras o impacto dun vehículo e que xa se solicitou a reposición. De feito, a semana pasada iniciáronse traballos de pintado coa mesma cor do semáforo actual.

Por último, lembran que, "o novo goberno do Partido Popular investiu máis en Chancelas en menos de dous anos do que fixo o PSOE nos últimos trinta".

Entre estas actuacións destacan o novo parque infantil da Bouza, cun investimento superior aos 40.000 euros, e a reforma integral do tramo entre Chancelas e Combarro, cun orzamento de 500.000 euros que inclúe novo alumeado, senda peonil, carril bici e a mellora dun camiño para aumentar a seguridade viaria.