Os representantes do comité de empresa, con música de Juan Pardo de fondo, decidían manifestar a súa protesta ás portas do centro de maiores de Campolongo este xoves 21. Levan meses denunciando a mala situación que presenta esta residencia na que, afirman, falta persoal, o centro atópase sen osíxeno nas habitacións de asistidos, sen tomas de aspiración e cun mal servizo de ascensores, entre outras deficiencias.
Francisco Núñez, presidente do comité de empresa, manifestaba que o persoal está a sufrir fustrigación e malas formas por parte da dirección debido á presión que exerce a Consellería de Política Social tras as primeiras denuncias sobre as melloras que precisa o centro. Desde o comité sinalan que os traballadores (na maioría dos casos trátase de mulleres e con contrato temporal) e os usuarios non deben sufrir as consecuencias deste conflito.
Afirman que xa trasladaron á Xefatura provincial estas queixas pero seguen sen recibir resposta, do mesmo xeito que sucede coas preguntas que a Valedora do Pobo realizou ao goberno da Xunta sobre as carencias das instalacións.
Sinalan que os usuarios fan colas de ata catro horas para poder acudir ao baño xeriátrico, nin efectivos suficientes para mover ás persoas que precisan guindastre ou apuntan a que se carece dun espazo de esparexemento para as persoas maiores.
Montserrat Rodríguez, do CSIF, apuntaba que a precarización laboral tamén está a aumentar. Neste momento non hai enfermeiras ATS nas listas de contratación debido á precariedade dos contratos que se ofrecen e, por tanto, resulta imposible cubrir ao persoal que se atopa de vacacións.
Os representantes do comité de empresa seguirán recollendo sinaturas e o 4 de xullo manterán unha reunión para decidir cales serán os próximos pasos para reclamar á Xunta de Galicia a mellora deste centro de maiores de Campolongo, que na actualidade conta con 99 usuarios.