Tan só un día despois de denunciar a falta de resposta do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible sobre a A-57, o Concello de Vilaboa denuncia agora publicamente un comportamento similar por parte da Xunta de Galicia.
Así, critican a falta de resposta por parte da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas ante unha situación de "acusada inseguridade" na circulación peonil no núcleo rural de Paredes na estrada autonómica PO-264.
Desde o pasado mes de xaneiro, o goberno municipal solicitou en dúas ocasións a execución de actuacións urxentes de mellora e seguridade nun tramo de 450 metros desta estrada.
O pleno de Vilaboa aprobou en decembro de 2024 por unanimidade de toda a corporación a necesidade destas actuacións, o que demostra que se trata dunha "preocupación compartida" por todas as formacións políticas municipais.
O Concello considera que a consellería "ignora e ningunea" a Vilaboa mentres acapara titulares asinando convenios de colaboración e mellora de infraestruturas en múltiples concellos de Galicia, "case todos gobernados polo PP".
Para o alcalde, César Poza, é un claro "agravio institucional" e responsabiliza á consellería directamente de calquera accidente que se poida producir neste tramo.
As melloras solicitadas á Xunta de Galicia inclúen, en primeiro lugar, a execución de medidas de calmado de tráfico mediante a instalación de redutores de velocidade nos puntos de maior circulación peonil de Paredes.
O Concello tamén solicita a construción de beirarrúas ou sendas de seguridade peonil, como mínimo nunha das marxes da estrada, e a creación dunha conexión peonil segura entre o trazado da estrada autonómica PO-264 e a estrada estatal N-550.
César Poza destaca que "a situación agravouse nos últimos tempos polo notable incremento do tráfico de vehículos pesados por esta estrada", o que pon en "risco diario" a seguridade dos veciños e veciñas.
O goberno municipal insta á Xunta a dar unha resposta inmediata a estas demandas e mantén a súa disposición para colaborar en todo o necesario e reitera a súa petición de reunión urxente coa conselleira de Planificación de Infraestruturas para abordar esta problemática.