A Deputación de Pontevedra e o Centro Galicia de Bos Aires selan a cesión histórica de 'A derradeira leición do mestre'

Pontevedra
25 de novembro 2025
Actualizado: 8:21

Rafa Domínguez, vicepresidente provincial: "O regreso a Pontevedra de ´A derradeira leición do mestre´ é moito máis que un préstamo artístico: é un acto de memoria, de xustiza e de identidade"

Representantes da Deputación, Museo de Pontevedra e Centro Galicia de Bos Aires posan co cadro ´A derradeira leición do mestre´ Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra e o Centro Galicia de Bos Aires formalizaron este luns, 24 de novembro, un acordo histórico para a cesión temporal da obra A derradeira leición do mestre —título orixinal que, en galego normativo, sería A derradeira lección do mestre—, unha das pezas máis emblemáticas de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, que poderá ser contemplada por primeira vez no Museo de Pontevedra no ano 2026.

O presidente da Deputación, Luis López, asinou o convenio no Campo Galicia de Bos Aires, durante un encontro de confraternidade no que participaron centos de galegos e galegas residentes na capital arxentina.

Sinatura do acordo para a cesión temporal do cadro ´A derradeira leición do mestre´Deputación de Pontevedra

Acompañado polo vicepresidente Rafa Domínguez, polo deputado de Cultura, Jorge Cubela, e pola directora do Museo provincial, Ángeles Tilve, o mandatario rubricou xunto ao director do Centro Galicia, José María Alén Vila, o acordo que permitirá o regreso temporal da obra á provincia.

Durante a súa intervención, López destacou o carácter simbólico da cesión: "No 75 aniversario da súa morte aquí (en Bos Aires), queremos ofrecer alá (na provincia de Pontevedra) un fito sen precedentes grazas ao traballo de José María Alén e á xenerosidade do Centro Galicia", afirmou, garantindo tamén "que A derradeira lección do mestre regresará á Arxentina en perfecto estado e cumprindo a misión coa que Castelao a concibiu".

Sinatura do acordo para a cesión temporal do cadro ´A derradeira leición do mestre´Deputación de Pontevedra

Pola súa banda, o vicepresidente Rafa Domínguez subliñou a relevancia do momento para a cidadanía pontevedresa. "O que sempre quixen, desde que chegamos á Deputación, foi que esta emoción a poidan sentir milleiros de galegos que van poder desfrutar deste cadro en Pontevedra", indicou tras contemplar a obra e agradecer a disposición do Centro Galicia de Bos Aires.

Sinatura do acordo para a cesión temporal do cadro ´A derradeira leición do mestre´Deputación de Pontevedra

.

Un cadro emblemático que une Galicia e a súa diáspora

 

Pintada en 1945 como homenaxe a Alexandre Bóveda no noveno aniversario do seu fusilamento, A derradeira leición do mestre é unha das obras máis recoñecidas de Castelao e un símbolo das vítimas da represión na Guerra Civil.

A pintura, realizada en óleo sobre lenzo (200 x 136 cm), é unha versión do debuxo incluído no álbum Galicia Mártir (1937), obra clave no relato artístico e político do rianxeiro e que está incorporada ao fondo do Museo de Pontevedra.

O cadro forma parte da colección do Centro Galicia de Bos Aires, herdeiro do legado cultural das comunidades galegas na Arxentina, que desde 1979 traballa na preservación da identidade e da memoria da emigración.

A cesión temporal reforza os vínculos históricos entre ambas beiras do Atlántico e pon en valor a importancia da diáspora na conservación do patrimonio galego.

(De esq. a dta.) Luis López, Rafa Domínguez e Jorge Cubela contemplan o cadro ´A derradeira leición do mestre´ no Centro Galicia de Bos AiresDeputación de Pontevedra

 

O Museo de Pontevedra: a casa de Castelao

 

O Museo de Pontevedra, que conserva arredor de 1.800 pezas de Castelao e alberga dúas salas monográficas dedicadas ao autor, é hoxe o principal referente mundial para o estudo da súa obra artística, literaria e política.

Castelao foi un dos patróns fundadores do Museo. Comezou a depositar obras na entidade en 1931 e, na actualidade, un dos edificios que configuran o Museo de Pontevedra leva o seu nome. No seu interior, hai habilitadas dúas salas monográficas dedicadas á súa obra.

Desde a súa fundación en 1929, o museo desenvolveu unha intensa actividade de investigación, difusión e exhibición, cunha proxección que vai máis aló do territorio provincial.

O regreso temporal da obra reforza ese papel e consolida a liña de cooperación internacional iniciada pola institución provincial, que nesta viaxe tamén explorou posibilidades de colaboración con outras entidades arxentinas como o MEGA (Museo de Emigración Gallega) ou o Museo Nacional de Bellas Artes.

O vicepresidente da Deputación, Rafael Domínguez, puxo en valor o papel do organismo provincial ao culminar o "soño colectivo" de que A derradeira leición do mestre poida verse no Museo de Pontevedra, que cualificou como "a casa de Castelao”.

´A derradeira leición do mestre´ (Castelao, 1945) Alfonso D. Rodríguez Castelao (autor) - Centro Galicia de Bos Aires (titular da obra)

 

Memoria, xustiza e identidade

 

Así mesmo, o vicepresidente provincial subliñou a dimensión histórica do acordo. “O regreso a Pontevedra de A derradeira leición do mestre é moito máis que un préstamo artístico: é un acto de memoria, de xustiza e de identidade”, afirmou, destacando que se trata dun "fito histórico que nos conecta co mellor da nosa tradición cultural e democrática".

Domínguez insistiu tamén na carga simbólica do regreso: “Este cadro é un berro contra o esquecemento e unha chamada á dignidade. Representa a dor dun pobo pero tamén a súa esperanza, e facelo regresar agora, desde Bos Aires, é devolverlle a Galicia unha parte esencial da súa alma.”

Neste sentido, quixo destacar que "O Museo de Pontevedra vive un tempo de renacemento" lembrando que "despois do éxito da Bienal, seguimos devolvéndolle á provincia o lugar que merece no mapa cultural internacional”.

"O regreso da obra máis icónica de Castelao confirma un novo ciclo de ambición e responsabilidade cultural. Este é o rumbo que nos marcamos: conservar a memoria e proxectala cara ao futuro”, rematou Rafael Domínguez.

Desde a Deputación de Pontevedra destacouse que esta viaxe institucional tivo tamén como obxectivo identificar outras obras de artistas galegos conservadas en institucións arxentinas, co propósito de establecer futuras colaboracións expositivas e museísticas.

Visita dunha representación da Deputación e o Museo de Pontevedra ao Centro Galicia de Bos AiresDeputación de Pontevedra