A Deputación de Pontevedra aprobou este venres en Xunta de Goberno 2,1 millóns de euros para que 21 concellos impulsen novos investimentos e afronten gasto corrente a través das dúas primeiras liñas do Plan +Provincia 2025.
Os concellos beneficiados por estes novos recursos son: A Illa de Arousa, A Lama, Campo Lameiro, Moraña, Ponte Caldelas, Soutomaior, Vilaboa, Vilagarcía, A Estrada, Cangas, Catoira, Forcarei, Fornelos de Montes, Mondariz, O Porriño, Oia, Pazos de Borbén, Pontecesures, Redondela, Silleda e Vila de Cruces.
Nunha rolda de prensa para dar conta desta Xunta de Goberno, o presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, indicou que xa levan distribuídos 32 millóns de euros deste Plan dotado con 48,2 millóns e destinado aos municipios da provincia de menos de 50.000 habitantes.
O goberno provincial tamén concede 143.144 euros para financiar as obras de instalación dun novo céspede artificial ao campo de fútbol de Lampáns, no Grove.
Esta actuación forma parte do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado con oito millóns de euros.
ESTRADAS PROVINCIAIS
Luís López tamén destacou dous proxectos que desenvolverá a Deputación nos concellos de Cangas e Poio.
No caso de Poio, aprobouse o convenio para construír unha senda peonil nun tramo de 1,1 quilómetros na EP-0601, Portosanto-Campelo, cun orzamento de 1,8 millóns de euros dos que o 80% dos fondos, é dicir 1,46 millóns de euros achégaos a Deputación e os restantes 360.000 euros, o 20% o Concello.
+ CONVIVIR
Por último, Luís López tamén aproveitou a comparecencia para anunciar a posta en marcha da segunda edición das xornadas +Convivir dirixidas ao movemento asociativo, que nesta ocasión chegarán a 13 municipios da provincia.
Trátase de cursos de primeiros auxilios, de risoterapia, nutrición, ximnasia, clases de zumba ou bailes de salón, entre outros. O ano pasado preto de 4.000 persoas gozaron destas actividades.
As xornadas +Convivir comezarán o vindeiro sábado, 31 de maio, en Fornelos de Montes.
A continuación, e até o mes de novembro, está previsto organizar xornadas en Redondela, Salceda de Caselas, A Lama, Pontevedra, Ribadumia, Barro, Bueu, Baiona, Rodeiro, Gondomar, Oia e Tui.