A Deputación impulsa o deporte con 1,5 millóns de euros en axudas

Pontevedra
12 de setembro 2025

Son subvencións para a organización de competicións deportivas na provincia e para colaborar cos clubs que participan en competicións oficiais de ámbito estatal

Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra Deputación de Pontevedra

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, anunciou este venres en rolda de prensa unha importante batería de axudas aprobadas na Xunta de Goberno celebrada esta mañá.

En total, déronse luz verde a case 2,3 millóns de euros para apoiar o deporte, a cultura, o movemento veciñal e a cooperación cos concellos.

Un dos bloques máis destacados é o destinado ao deporte, cun investimento próximo aos 1,5 millóns de euros para fomentar a organización de competicións e apoiar aos clubs que compiten a nivel estatal.

Concretamente, o goberno provincial acordou repartir 300.000 euros entre 45 clubs de 13 municipios, que recibirán entre 1.000 e 23.000 euros, para organizar competicións deportivas federadas oficiais de ámbito estatal ou internacional.

Destinará ademais 250.000 euros para 108 entidades deportivas de 38 concellos da provincia, que van recibir entre 775 a 9.300 euros, para a organización de competicións deportivas oficiais e non oficiais non incluídas na primeira liña.

Xunto a estas axudas, este venres tamén foron aprobadas subvencións por un total de 900.000 euros para 76 clubs que participan en competicións oficiais de ámbito estatal de 24 concellos da provincia. As contías oscilan entre os 1.600 e os 39.000 euros de máximo.

Por outra banda, o goberno provincial aprobou 12.500 do Plan Máis Provincia para que Vilanova de Arousa pavimente os camiños de Fontenla e Paderne e adxudicou o contrato para a mellora da iluminación pública na estrada EP-0405, entre Xesteira e Almofrei (Cerdedo-Cotobade), por valor de máis de 220.000 euros. En maio deste ano a Deputación finalizou as obras de ensanche nesta estrada provincial cun investimento dun millón de euros.

Luís López tamén anunciou que foron aprobadas as axudas do plan + Novaqua para a legalización das traídas de auga veciñais por un importe de preto de 300.000 euros. Trátase dunha das tres liñas de axudas dirixidas ao movemento veciñal xunto co Plan Provincia Comunitaria e o +Aqua, que están dotadas en conxunto con 5 millóns de euros neste ano.

Benefícianse de +Novaqua un total de 61 comunidades de augas de 28 concellos que recibirán entre 2.100 e 6.000 euros de axudas. Nesta ocasión houbo un total de 85 solicitudes por parte de comunidades de usuarios de auga, 9 delas quedaron excluídas porque non cumprían os requisitos mínimos que se contemplaban na base da convocatoria e outro sete tamén quedaron fóra porque non completaron a documentación ou non emendaron a solicitude no prazo correspondente.

Por tanto, aceptáronse 69 solicitudes. Ao ser maior a demanda que o crédito dispoñible, a pesar de que a Deputación incrementou a dotación económica de 100.000 a 300.000 euros, foi preciso realizar un sorteo, que era algo que estaba contemplado nas bases da convocatoria, a través do cal se seleccionaron as 61 comunidades de usuarios de augas que se van a beneficiar destas axudas.

Por último, a Deputación tamén aprobou este venres a concesión das axudas dirixidas a 229 entidades sen fins de lucro para a realización de actividades culturais.

Hai dúas liñas, a primeira, repartirá 250.000 euros en 194 entidades de 41 concellos da provincia para organizar actividades de posta en valor do patrimonio inmaterial, como poden ser festivais de bandas de música, folclóricos, romarías, exposicións ou concertos, entre outras propostas.

A segunda liña, dotada con 50.000 euros, chegará a 35 entidades de 23 concellos da provincia para participación en festivais, certames ou concursos nacionais e internacionais e intercambios culturais.

En ambas as liñas, cada entidade vai recibir entre 362 euros de contía mínima e 2.500 de máxima.