A rehabilitación da Casa de Combarro continúa en marcha malia os atrancos técnicos e administrativos que foron xurdindo durante a intervención. Así o defende a Deputación de Pontevedra, que insiste en que os traballos avanzan dentro do compromiso do goberno provincial coa conservación deste inmoble histórico situado no corazón do conxunto histórico-artístico de Combarro.
As obras, iniciadas en abril de 2025, tiveron que adaptarse a distintas incidencias que obrigaron a modificar o proxecto inicial.
Segundo explican dende a administración provincial, a principal delas foi a aparición de placas con fibras de amianto, unha circunstancia que fixo necesario activar medidas específicas de seguridade e redactar unha modificación do proxecto, aprobada finalmente en febreiro do pasado ano.
Desde a institución provincial subliñan que a actuación sobre a Casa de Combarro non responde aos tempos nin aos métodos dunha obra convencional.
Ao tratarse dun edificio protexido, a intervención require procesos máis lentos e precisos, executados por profesionais especializados en técnicas tradicionais, especialmente nos traballos de cantería e carpintería.
Engaden ademáis que a complexidade do inmoble tamén condiciona o ritmo da obra. As reducidas dimensións dos espazos interiores obrigan a fabricar determinadas pezas en taller para posteriormente proceder ao seu encaixe e montaxe no edificio, un sistema que incrementa o nivel de detalle e supervisión necesario durante toda a restauración.
A maiores, as condicións meteorolóxicas rexistradas entre outubro de 2025 e marzo deste ano complicaron aínda máis os traballos. As fortes choivas provocaron filtracións de auga que afectaron tanto a elementos xa existentes como a partes da obra executadas recentemente, a pesar das medidas de protección instaladas, como lonas e cubertas provisionais.
Estas incidencias obrigaron á redacción dun novo proxecto modificado para incorporar as actuacións necesarias derivadas dos danos ocasionados pola humidade. O pasado 24 de abril, a Deputación aprobou mediante resolución presidencial un novo convenio destinado a garantir a continuidade e finalización da intervención.
Con todo, o organismo provincial asegura que a actividade na obra nunca chegou a paralizarse completamente. Segundo explican, os traballos que non se viron afectados polas modificacións administrativas continuaron executándose con normalidade, especialmente os relacionados cos acabados interiores de pedra e coa carpintería estrutural.