Descobren en San Brais unha variedade de narciso inédita para a ciencia

Pontevedra
27 de marzo 2016

Trátase dunha variedade con dúas flores en cada escapo, o que a converte en única no mundo. O investigador pontevedrés Jaime Bernardo Blanco-Dios foi o descubridor desta especie

O enxeñeiro agrónomo Jaime Bernardo Blanco Dios Vaipolorío

O investigador pontevedrés Jaime Bernardo Blanco-Dios atopou un descubrimento interesante para a ciencia internacional en canto a especies botánicas. Entre os meses de xaneiro e marzo de 2015 e de 2016 logrou distinguir na contorna do barrio de San Brais en Salcedo numerosos exemplares dunha variedade de narciso nova para o mundo cientifíco.

Trátase dunha variedade de Narcissus bulbocodium L., especie abundante no sur e oeste de Francia e que tamén se pode observar en case toda a Península Ibérica e no Norte de África. Sempre se presenta con flores solitarias. Con todo, a nova variedade atopada en Pontevedra mostra dúas flores en cada escapo, o que a converte en única no mundo.

Ante esta singular característica, será descrita como variedade nova nunha revista especializada na que figurará como Narcissus bulbocodium var. biflorus Blanco-Dios, empregando o apelido do seu descubridor.