Desfile benéfico a favor da Fundación Amigos de Galicia no Pazo da Crega

Pontevedra
14 de xaneiro 2015

Será o vindeiro 23 de xaneiro a partir das 20.00 horas nas instalacións municipais do Pazo da Crega de San Antoniño. O acceso será gratuíto a cambio dun quilo de cacao ou azucre, ou un litro de aceite ou leite que se entregará á Fundación Amigos de Galicia

Cartel do desfile solidario de moda en Barro Asociación Cultural Fervenza da Barosa

Un desfile de moda organizado pola Asociación Cultural Amigos da Fervenza de Barosa servirá para poñer o punto final á campaña de recollida de alimentos '3º Nadal Solidario en Barro', que leva a cabo o colectivo.

O acto desenvolverase no Pazo da Crega en Barro o próximo 23 de xaneiro a partir das 20.00 horas. Aquelas persoas que queiran asistir terán que doar un quilo de azucre ou de cacao ou un litro de leite ou de aceite. O material recadado será trasladado á Fundación Amigos de Galicia, unha entidade que presta os seus servizos na bisbarra de Pontevedra.

O desfile contará coa participación de nove tendas de roupa de neno, home e muller, unha deseñadora de xoias e a colaboración de consultoras de beleza, ademais do gabinete de beleza Ana Barros de Pontevedra. As firmas ofrecerán descontos que poderán empregarse nas súas tendas a todas as persoas que asistan ao desfile.