A residencia DomusVi de Ribadumia, intervida esta semana tras detectarse 25 casos activos de coronavirus, suma xa un total de 66 contaxios tras detectarse nas últimas horas un total de 34 novos positivos.
Segundo o balance facilitado polo Servizo Galego de Saúde este domingo, trátase de 34 usuarios desta residencia agora intervida pola Xunta de Galicia para a súa xestión.
En total, hai nesta residencia 58 usuarios e oito traballadores infectados pola covid-19. En canto ao persoal, non se rexistraron variacións nas últimas 24 horas
Ademais, neste último balance, a Xunta de Galicia deu conta de que hai dous positivos máis entre usuarios da residencia de maiores Valvanera de Cambados. Neste centro hai agora en total 8 usuarios e 5 traballadores contaxiados, isto é, un total de 13 casos activos.
Na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés tamén hai traballadores contaxiados nos seguintes centros: dous en Nuestra Señora de Los Dolores de Forcarei, un na residencia Ballesol de Poio, un na residencia Saraiva Sénior de Pontevedra, un na residencia Soremay de Pontevedra e un na Divina Pastora de Vilagarcía de Arousa.