Deteñen un menor por intento de agresión sexual a dúas mozas no paseo dos Gafos

Pontevedra
04 de febreiro 2016

Os feitos ocorreron pasadas as nove da noite deste mércores. O agora detido presuntamente abordou ás dúas vítimas, botou a correr e foi finalmente detido por un axente de Policía que estaba na zona e unha patrulla policial que chegou ao momento

Paseo peonil do río Gafos Mónica Patxot

Un mozo menor de idade foi detido na noite deste mércores como presunto autor do intento de agresión sexual a dúas mozas ocorrido pouco antes na zona do paseo peonil do río dos Gafos. O rapaz ten 16 anos, pero, debido á súa condición de menor, non se facilitan detalles sobre a súa identidade nin a literalidade do acontecido.

Segundo puido saber PontevedraViva, os feitos ocorreron sobre as 21.15 horas no paseo de madeira, na zona situada entre Alcalde Hevia e a parte traseira do centro de menores Avelino Montero, cando as rapazas estaban a practicar deporte.

O mozo supostamente abordounas por detrás e tentou agredilas sexualmente e elas empezaron a gritar e pedir axuda. Nun momento dado, fuxiu correndo, pero, ante os berros das mozas, un axente da Policía Nacional que estaba na zona saíu correndo tras el e deulle alcance. Xusto nese momento, chegou tamén unha patrulla policial alertada polo sucedido e o mozo foi detido.

O mozo foi trasladado á Comisaría Provincial do Corpo Nacional de Policía. Resultou ser menor de idade e foi trasladado aos calabozos da Comisaría de Marín, onde pasou a noite á espera de que este xoves continúen as investigacións sobre o ocorrido e se tome declaración ao detido, as presuntas vítimas e posibles testemuñas, entre os que habería unha terceira moza.