A Garda Civil detivo o home de 43 anos que, o pasado martes, secuestrou ao seu fillo, un bebé de pouca idade, despois de agredir a súa ex parella en Ponte Caldelas.
Tras día e medio fugado, foi localizado na leira da vivenda da súa ex parella, segundo confirmaron fontes oficiais da comandancia de Pontevedra.
A detención produciuse minutos despois das oito da mañá.
Foi arrestado, aclara a Garda Civil, pola orde previa que tiña vixente para a súa detención e ingreso en prisión.
Nas próximas horas realizaranse dilixencias con respecto aos feitos sucedidos o martes, é dicir, a agresión da súa exparella e a súa fuxida co seu fillo.
Acaba así un periplo que comezou sobre as 16:15 horas dese martes no antigo domicilio familiar, situado na parroquia de Tourón.
O home acudiu á vivenda e golpeou á muller antes de abandonar o lugar a pé co neno, co que fuxiu por unha zona forestal.
A vítima foi trasladada en ambulancia ao Hospital Montecelo de Pontevedra para ser atendida das súas lesións e recibiu o alta médica horas despois.
Sobre as sete e media da tarde, as patrullas policiais atoparon ao bebé nas proximidades do cemiterio e a casa reitoral de Tourón, onde o pai o deixou nun cruzamento de camiños.
O menor quedou baixo a custodia dun familiar até a chegada da nai.
No operativo de rastrexo, que se mantivo até a localización do agresor, participaron patrullas de seguridade cidadá e do servizo de protección á natureza da Garda Civil, apoiados por drones, un helicóptero e cans de rastrexo.