A Policía Local de Pontevedra detivo o pasado 28 de xullo a un menor de 17 anos como presunto autor dun delito de violencia de xénero contra a súa parella, unha muller maior de idade.
A intervención policial produciuse tras recibir unha chamada de alerta arredor das 13.00 horas, na que unha persoa informaba de que unha muller estaba sendo agredida nunha vivenda.
Ao chegar ao lugar dos feitos, os axentes atoparon a vítima saíndo do ascensor en estado de gran nerviosismo e chorando.
Durante a conversa cos policías, a muller relatou que levaba poucos días convivindo co seu agresor e que non era a primeira ocasión na que sufría violencia por parte do mozo.
Segundo explicou a vítima, o incidente comezou cunha discusión motivada polos celos do mozo, que derivou nunha pelexa durante a cal o teléfono móbil da rapaza resultou esnaquizado.
A muller tamén confirmou que recibira mensaxes no seu teléfono con insultos e ameazas de morte, tanto contra ela como contra outro familiar.
O presunto agresor foi localizado e detido polos axentes a escasos metros da vivenda onde ocorreron os feitos.
A detención produciuse tras a declaración da vítima e a comprobación das probas por parte da Policía Local.
O Concello informou tamén durante a fin de semana doutra detención a finais de xullo dun home que agredía súa parella na rúa e ante os seus fillos menores de idade.