Sanxenxo decidiu ampliar a dez as praias do municipio, actualmente só catro, a iniciativa 'Praias sen fume', que impulsa a Consellería de Sanidade para reducir o consumo de tabaco nos areais galegos.
Ata agora, só as praias de Silgar, Panadeira, Baltar e Caneliñas estaban integradas nesta campaña. A elas sumaranse a partir de agora Espiñeiro-A Lanzada, Areas Gordas, A Lapa, Foxos, Nosa Señora da Lanzada e Major.
A participación neste programa é voluntaria e Sanxenxo comprométese a desenvolver unha serie de actividades e accións encamiñadas a lograr unha sociedade libre de tabaco.
Ademais sinalizaranse estas praias con materiais facilitados pola Dirección Xeral de Saúde Pública.
A prohibición de fumar nas praias, lembran desde Sanxenxo, é unha tendencia cada vez máis estendida e o número de areais libres de fume vai aumentando paulatinamente. Con ela, ademais de loitar contra o tabaquismo, búscase combater a contaminación que supoñen as cabichas nos areais.