Dez praias de Sanxenxo lucirán a Q de calidade

Sanxenxo
26 de xuño 2017

O tenente alcalde, Gonzalo Pita e o concelleiro de Turismo, Jesús Sueiro, recolleron este luns en Madrid, de man da Secretaria de Estado de Turismo, Matilde Asian, os diplomas de recoñecemento da calidade turística pola Q de Calidade

Entrega dos distintivos Q de Calidade Concello de Sanxenxo

O tenente alcalde, Gonzalo Pita e o concelleiro de Turismo, Jesús Sueiro, recolleron este luns en Madrid, de man da Secretaria de Estado de Turismo, Matilde Asian, os diplomas de recoñecemento da calidade turística pola Q de Calidade.

Un total de dez praias lucirán este verán a bandeira "Q de Calidade": Areas, Silgar, Baltar Caneliñas, Canelas, Montalvo, Pragueira, Major, Areas Gordas e A Lapa.

Estes areais foron revisados e certificados polo Instituto para a Calidade Turística Española, sometidos a auditorías que supervisan os procesos da dirección, a planificación e a organización dos recursos, así como a xestión ambiental, o control e a mellora continua.

Ademais, realizouse unha inspección da seguridade no mar, o balizamento, a área de salvamento e a información sobre os servizos prestados en cada unha das praias. Tamén se tivo en conta o proceso de recollida selectiva de residuos, o mantemento dos equipamentos existentes, os aseos, duchas, lavapés e as actividades lúdico-deportivas ofrecidas.

Ás dez bandeiras das praias, hai que sumarlles a do porto deportivo Juan Carlos I e a da oficina de turismo, que, unidas ás xestionadas por empresas privadas, converten a Sanxenxo no segundo municipio con máis Q de Calidade de España.

O municipio acumula así un total de 36 certificacións, o que supón un aumento dun distintivo con respecto ao ano pasado, ao engadir á lista de areais a praia de Pragueira.

Desde a concellería sinalan que "non nos conformamos e seguiremos traballando para lograr incrementar os distintivos que ondeen no noso Concello o próximo verán".