Dezanove días para saborear o mellor da gastronomía pontevedresa en pequenos bocados

Pontevedra
27 de outubro 2025

Nesta nova edición de Pontedetapas presentáronse ata dezaseis tapas tradicionais, doce tapas creativas e dez cócteles. Como novidade, este ano todas as elaboracións terán un prezo variable

Presentación de Pontedetapas 2025

Volve Pontedetapas. Ata vinte e sete establecementos de hostalería participarán nunha nova edición deste certame gastronómico, xa un clásico no calendario de eventos da cidade, que se celebrará en Pontevedra entre os días 5 e 23 de novembro.

Nesta nova edición, segundo confirmaron os organizadores, presentáronse propostas para as tres modalidades: dezaseis tapas tradicionais, doce tapas creativas e dez cócteles.

Como novidade, este ano as elaboracións terán un prezo variable: 3,50 euros de luns a xoves e 4 euros de venres a domingo na modalidade de tapa e 6 euros para o cóctel.

A edil responsable da área de promoción económica, Anabel Gulías, destacou que Pontedetapas reforza a imaxe de Pontevedra como "referente" na gastronomía.

A deste ano será unha edición, segundo avanzou Gulías, na que "apostamos pola calidade do produto local e pola creatividade dos nosos profesionais da hostalería".

A participación dos pontevedreses será "esencial" para que todos os hostaleiros poidan "coñecer os gustos da cidadanía" e ofrecer cada día un mellor servizo aos seus clientes.

Un xurado profesional valorará as creacións e decidirá os premios ás mellores tapas tradicional e creativa e ao mellor cóctel. O fallo farase público nun acto ao remate do certame.

O público, como todos os anos, poderá votar para elixir a "Tapa Pontevedra", a proposta popular que representará á cidade no certame De Tapas por Galicia, promovido por Turismo de Galicia.

Todos os que degusten estas tapas poderán optar a premios directos: dous vales de 500 euros cada un para gastar nos locais participantes.

Un sorteo realizarase entre os cupóns de papel depositados nas urnas e outro entre as votacións realizadas a través da aplicación oficial do Pontedetapas. Además, entre todos os cupóns de votación sortearase un pack de produtos premium de El Nogal.

Tamén regresa o "Pasaporte Pontedetapas" e as dez primeiras persoas que logren selar o pasaporte en todos os locais participantes e o entreguen na oficina de turismo antes do 6 de decembro recibirán como agasallo seguro unha cea para dúas persoas valorada en 60 euros.

Hijos de Rivera outorgará ademais un premio á mellor maridaxe dunha tapa con caña de Estrella Galicia.

O establecemento gañador recibirá o equivalente ao peso da persoa propietaria en produtos da compañía e os clientes participarán nunha experiencia especial para dúas persoas en MEGA, o museo de Estrella Galicia, un espazo dedicado a descubrir e entender a cultura cervexeira.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora