O sistema municipal de compostaxe, tras a entrada en vigor do contrato de residuos, recibirá un novo impulso. Será a través da ampliación dos módulos comunitarios, que alcanzarán o centenar, e das novas condicións que deberán cumprir as vivendas no rural.
A tenente de alcalde en Pontevedra, Eva Vilaverde, anunciou este xoves até doce novas localizacións para estes centros comunitarios de compostaxe, cuxa construción e colocación nos enclaves elixidos comezará "de inmediato".
Haberá, en concreto, dous novos en Tafisa e outros dous na Rúa Augusto García Sánchez e Praza de Galicia, mentres que un máis haberá en Alcalde Hevia, a Pasarela, na Rúa Prado Novo (Valdecorvos), na Praza das Camelias (A Parda) ou na Rúa Fotógrafo Zagala (Fonte Santa).
Ademais, colocarase tamén un destes centros en Mollavao, Os Praceres, Estribela e Pontemuíños, segundo consta na resolución aprobada polo goberno municipal.
Os técnicos municipais farán tamén nas próximas semanas un "peinado" por todo o rural para comprobar o funcionamento dos módulos individuais que, nestes momentos, teñen sete de cada dez vivendas situadas nas quince parroquias.
O obxectivo é verificar as necesidades que existen antes de proceder á repartición ou á reposición dos composteiros que, a partir de agora, serán obrigatorios no rural, polo que se informará á cidadanía que aínda non os teña.
Ambas as medidas coinciden co lanzamento dunha campaña informativa para que a cidadanía coñeza como será o novo sistema de residuos en Pontevedra, que busca "que se vexan os residuos non como lixo, senón como recursos útiles".
Haberá carteis nos comercios e folletos que se repartirán por toda a cidade para promocionar unha etapa "máis eficiente, moderna e sostible" na xestión dos residuos, concienciando na necesidade de que a separación en orixe "é imprescindible".
Ao mesmo tempo, a compañía PreZero continuará co despregamento por todo o municipio dos novos colectores e, tras colocar os amarelos (plásticos e envases) e os azuis (papel e cartón) ou os recipientes para aceites usados, comezará a repartir os da cor gris.
Estes novos colectores substituirán aos actuais de cor verde, destinados á denominada como fracción resto, aqueles residuos que non se poden depositar nos recipientes para o material que irá a reciclaxe.