Domínguez visita A Canicouva: "non reúne as condicións para que unha mini Sogama se instale aquí"

Pontevedra
04 de xuño 2022

O presidente do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, acompañado do concelleiro Pablo Fernández, visitou os terreos alugados polo  Concello de Pontevedra na Canicouva. O representante popular critica ao goberno local polo pago de 20.000 euros anuais á Comunidade de Montes por este espazo: "Preguntámonos por que se segue pagando se non se vai facer”

Visita aos terreos da Canicouva alugados polo Concello Partido Popular de Pontevedra

Rafa Domínguez, presidente do Partido Popular de Pontevedra, visitaba nas últimas horas co concelleiro Pablo Fernández, o terreo alugado polo Concello de Pontevedra en 2015 á Comunidade de Montes da Canicouva.

Este espazo está previsto polo goberno local para construír a planta de tratamento de residuos orgánicos. Unha circunstancia que Domínguez considera que é "imposible" afirmando que "nin é o sitio adecuado nin reúne as condicións para que unha mini Sogama instálese aquí", facendo referencia á planta da empresa pública autonómica que se encarga da xestión do tratamento dos lixos.

Segundo expón, o terreo mostra dificultades técnicas para a localización con accesos que non están preparados e "son moi estreitos. Dixemos que terían que expropiar leiras e é evidente. Dous camións non caben tal e como están os accesos hoxe en día". Tamén afirma que será necesario reforzar o firme e asfaltar a vía. O portavoz da oposición lembra que está previsto que á planta acudisen trinta camións a diario portando máis de trinta toneladas de residuos.

Domínguez sinala que hai un elevado número de ciclistas e sendeiristas que utilizan as pistas desta contorna e lembrou que "a seguridade dos usuarios destes carreiros debe ser primordial e parécenos moi complicado asegurar os seus roteiros co tránsito de vehículos pesados".

Asegura que o Concello "non moveu un papel" para construír torres de alta tensión, que son necesarias para fornecer enerxía a unha canteira situada nas proximidades. Cre que as placas solares serían insuficientes para abastecer unha planta de triaxe como a que se proxecta na zona.

Por último, o representante do PP critica que, en sete anos, o Concello só se dedicase a pagar 20.000 euros anuais por estes terreos "nos que sabían e saben que non se vai a facer unha planta de compostaxe", conclúe Domínguez.