Campañó, Mourente, Lérez e A Canicouva serán as parroquias nas que se executarán, ao longo deste ano 2021, as catro actuacións no rural que vén de anunciar o goberno municipal e que permitirán renovar catro quilómetros de viais.
O orzamento global para estas actuacións roza os dos millóns de euros.
Con carácter xeral, todas estas obras de mellora contemplan a renovación da capa de rodadura, a instalación de elementos de calmado de tráfico, a renovación das canalizacións de pluviais e a colocación de nova sinalización viaria.
Ademais, nalgúns tramos tamén está previsto o ensanche da vía, a realización de muros de sostemento e a instalación de varandas.
En Campañó melloraranse 1.685 metros de viais entre Carballiños e Ferreiros.
Esta actuación, que conta cun orzamento de 432.600 euros, inclúe a renovación da pavimentación, a instalación de pluviais, o ensanche dun tramo de 140 metros no acceso a Sabarís, a instalación de lombos e muros de contención e nova sinalización.
En Mourente, a intervención está prevista no vial do Pazo a Carabelos.
Trátase dun tramo de 1.220 metros, que conta cun orzamento de 437.460 euros, e que ademais da capa de rodadura, lombos e nova sinalización, implicará a demolición das actuais canalizacións de pluviais para substituílas por unhas novas.
O tramo é un vial paralelo á estrada de Ourense (N-541) no que se colocou o abastecemento recentemente pero no que, dadas as condicións do vial e a densidade de poboación á que dá servizo, se fai esta actuación fóra do contrato de Viaqua para renovar a canalización de pluviais
Na Canicouva, intervirase nun tramo 820 metros, no que renovará a capa de rodadura, instalaranse lombos e renovaranse pluviais e sinalización. Ademais acometerase o ensanche do vial e instalaranse muros de contención. Esta obra ten un orzamento de 743.000 euros.
Por último, en Lérez completarase a actuación no Ramallás que se realizou hai uns meses coa dotación de saneamento nese lugar, respondendo a unha demanda histórica da veciñanza.
Nese treito no que se colocara o saneamento quedara arranxado e agora continúase nun tramo de 558 metros. O orzamento é de 386.900 euros e ao igual que nas demais actuacións instalaranse elementos de redución de velocidade, renovarase a capa de rodadura, pluviais e sinalización. Ademais neste caso, acometerase o ensanche dun tramo de 336 metros.
Estes catro proxectos súmanse aos dous xa anunciados polo goberno municipal en A Peralba (Marcón), cun investimento de 564.000 euros para case dous quilómetros; e no vial de Rial a Rorís-A Meán-Liñares (Lourizán), con 455.000 euros para mellorar 1.181 metros de camiños.