Alberto Oubiña dá conta das últimas actuacións nas parroquias pontevedresas

Pontevedra
19 de febreiro 2022

Na última comisión de Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizos, deuse conta das actuacións realizadas con cargo ao contrato de sostemento de espazo públicos rurais, aprobado no ano 2021 e que conta con máis dun millón de euros de orzamento, e que ten como fin realizar diversos e pequenos arranxos nas parroquias de Pontevedra

Alberto Oubiña, concelleiro de Xuventude e coordinador do Rural
Alberto Oubiña, concelleiro de Xuventude e coordinador do Rural / Mónica Patxot

Na última comisión de Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizos, deuse conta das actuacións realizadas con cargo ao contrato de sostemento de espazo públicos rurais, aprobado no ano 2021 e que conta con máis dun millón de euros de orzamento, e que ten como fin realizar diversos e pequenos arranxos nas parroquias de Pontevedra.

O coordinador do Rural, Alberto Oubiña, apunta que "este contrato é complementario ao resto de investimentos que estamos realizando, pois son pequenos arranxos que poñen a puntos elementos concretos, actuacións rápidas que procuran unha mellora na calidade de vida da veciñanza que vive nas parroquias".

Dentro deste plan acometéronse drenaxes en espazos como Mourente, no lugar dos Areás; a reconstrución de muros danados polas choivas, como foi en Couso; ou melloras e pavimentacións nalgúns casos, como foi a actuación no Rañadoiro.

"Son obras enfocadas a mellorar a calidade de vida dos veciños e as veciñas, pequenas cousas que normalmente poden ser solucionadas de xeito rápido e que, ao final, son necesarias para garantir un aumento e sostemento desa calidade de vida", explica Oubiña.

Durante a semana que vén, o Concello publicará dentro do espazo web dedicado a obras do rural un mapa virtual que sinalará de xeito intuitivo e gráfico todos os investimentos que se están a realizar no marco do contrato de sostemento de espazos públicos rurais, co obxectivo de mellorar a comunicación coa veciñanza e que esta poida comprobar os diferentes arranxos e actuacións que se van levando a cabo, dun xeito transparente e dinámico.