Dous novos falecidos por covid-19 na área sanitaria, un procedente da residencia de Vilaboa

Pontevedra
29 de novembro 2020

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés suma xa 55 persoas falecidas pola pandemia da covid-19. Os dous últimos en incorporarse á triste nómina de vítimas mortais son dous homes de 84 e 89 anos que estaban ingresados no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, CHOP

Servizo de Urxencias do Hospital Montecelo de Pontevedra
Servizo de Urxencias do Hospital Montecelo de Pontevedra / Mónica Patxot

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés suma xa 55 persoas falecidas pola pandemia da covid-19. Os dous últimos en incorporarse á triste nómina de vítimas mortais son dous homes falecidos este domingo que estaban ingresados no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, CHOP. 

Segundo o último balance oficial, un deles procedía da residencia Pontevedra de Vilaboa, na que este domingo había 56 casos activos de coronavirus, 42 usuarios e 14 traballadores

Neste caso, o falecido foi un home de 89 anos. O segundo morto no CHOP foi un home de 84 anos e ambos tiñan patoloxías previas. 

En Galicia faleceron este domingo doce persoas que foran diagnosticadas por coronavirus, todas con patoloxías previas. Ademais das dúas vítimas mortais pontevedresas, reportáronse catro falecidos no  CHUVI de Vigo, unha muller de 93 anos e tres homes de 77, 80 e 82.

Ademais, morreu un home de 77 anos ingresado no  CHUO de Ourense, unha muller de 91 no  HULA de Lugo que procedía da residencia de Vilalba, unha muller de 92 e un home de 70 no CHUAC da Coruña e dúas mulleres de 98 e 92 no  CHUF de Ferrol. A maior delas procedía da residencia  Nosa Señora das Virtudes de Pontedeume.