Unha caravana formada por ao redor de 200 turismos, que chegou a ocupar unha extensión de dous quilómetros de estrada, plasmou este domingo o malestar veciñal polo estado en que se atopa a PO-234. Os condutores facendo soar as súas bucinas reivindicaron á Xunta de Galicia que se acometan as obras nesta perigosa estrada autonómica no tramo entre Ponte Caldelas e Augasantas (Cerdedo-Cotobade).
Desta forma, os veciños co apoio do Concello rexeitan que a Consellería de Infraestruturas só teña previsto realizar os traballos de reforma no tramo pertencente ao Concello de Cerdedo-Cotobade.
Ás 12.30, a caravana saía da Casa do Pobo de Laxoso e percorreu o centro da vila ata retornar ao momento de orixe. Non se rexistraron incidentes a pesar da numerosa asistencia de manifestantes chegando a unha cifra de medio milleiro.
Entre os asistentes atopábanse participando cos seus vehículos particulares o alcalde socialista, Andrés Díaz, acompañado polos concelleiros do PSOE, Pilar Couto e Enrique Vidal; ademais doutros integrantes do equipo de goberno como Alfonso Gutiérrez, de AVP e Lito Muíños e Manuel Barreiro, do BNG.
Durante o percorrido comprobaron a necesidade dun arranxo integral da estrada e moi especialmente no tramo das curvas de Laxoso, que conta con escasa visibilidade e con verdín sobre o asfalto, causante de numerosas saídas de vía.
Neste sentido, o alcalde sinalou que a continuidade de Ethel Vázquez á fronte da consellería de Infraestruturas non é unha boa noticia, xa que a tamén titular no anterior goberno da Xunta non chegou a recibir ao rexedor a pesar de solicitar unha entrevista. Andrés Díaz afirma que o 90% dos titulares dos terreos afectados confirmaron a súa disposición para ceder gratuitamente os terreos en canto a Xunta inicie os trámites legais para desenvolver a obra.