Down Pontevedra Xuntos prepara unha curta de terror

Bueu
28 de marzo 2019

O colectivo pontevedrés Down Xuntos, que atende a persoas con síndrome de Down, está a preparar unha curta de terror co fin de promover a autonomía e a imaxinación deste grupo, estimulando a súa creatividade artística

Obradoiro do FICBUEU coa Asociación Down Pontevedra FICBUEU

O colectivo pontevedrés Down Xuntos, que atende a persoas con síndrome de Down, está a preparar unha curta de terror desenvolta no marco do obradoiro cinematográfico impartido pola Asociación FICBUEU, dentro da súa Área Social.

A produción desta curta, que empezou neste mes de marzo e vaise a prolongar ata xuño, estrearase en setembro no 12º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu cos traballos dos demais participantes.

Con esta actividade, a asociación busca promover a autonomía e o desenvolvemento persoal das persoas con síndrome de Down e que experimenten, colaboren e dean renda solta á súa imaxinación, estimulando a creatividade artística.

Tamén se contribúe a visibilizar o potencial das persoas con discapacidade intelectual e a normalizar a convivencia, a tolerancia e contribuír ao desenvolvemento social e cultural fomentando valores como o respecto, a igualdade e a solidariedade.