A directora xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde, Lourdes Vilachán Angueira, e o representante da empresa Dragados, Pablo Fernández Fernández, asinaron este xoves no Edificio Administrativo da Consellería de Sanidade, o contrato para a obra de ampliación do Hospital Comarcal do Salnés, cofinanciado polo programa operativo Feder Galicia 2007-2013, por un importe de 7.780.149 euros.
As obras de ampliación e reforma suporán a construción dunha nova infraestrutura que afectará a cinco áreas hospitalarias, que representan unha superficie asistencial de 4.157 metros cadrados -dos cales uns 2.700 son do novo edificio e uns 1.400 serán obxecto de reforma- e permitirán aplicar os avances das novas tecnoloxías sanitarias ao novo bloque cirúrxico, á nova área de urxencias e ao bloque obstétrico.
Como primeira fase, construirase un edificio adicional, que dotará ao hospital dun novo servizo de urxencias que duplica a capacidade de triaxe, observación e atención aos pacientes e disporá por primeira vez dunha zona específica de urxencias pediátricas. Ademais, contará cun bloque obstétrico con dúas salas polivalentes, dúas unidades de tratamento, parto e recuperación (UTPR), una consulta e una sala de reanimación de recen nados.
O novo bloque cirúrxico forma parte da segunda fase da ampliación do Hospital do Salnés, e disporá de cinco quirófanos, área de CMA (Cirurxía Maior Ambulatoria) e o apoio ao bloque cirúrxico.
A terceira e derradeira fase da ampliación inclúe a unidade de coidados postcirúrxicos, con nove camas de despertar, nove postos sillón de reintegración ao medio e dous boxes de aislables e coidados postanestesia. Ademais, tamén inclúe un novo Hospital de Día, con dez boxes.