Dúas persoas feridas ao saírse da estrada en Caldas de Reis e impactar cunha árbore e un poste

Umia
29 de abril 2023

Os Bombeiros de Vilagarcía tiveron que empregar material de excarceración para liberar a unha muller, unha das dúas persoas que viaxaban no turismo. O brutal accidente producíase no punto quilométrico 232 da N-640 ao seu paso pola parroquia de Godos arredor das 11.50 horas deste sábado 29

Accidente en Godos, Caldas de Reis PontevedraViva

Ao redor das 11.49 horas deste sábado 29, un vehículo Volkswagen Passat saíase da vía cando circulaba polo punto quilométrico 232 da N-640 ao seu paso pola parroquia de Godos no municipio de Caldas de Reis.

Segundo informa o servizo de Emerxencias 112 Galicia, o turismo impactaba contra unha árbore e contra un poste de electricidade. Un particular alertaba do accidente.

Ata o lugar desprazábanse os bombeiros do parque de Vilagarcía de Arousa. Víronse obrigados a utilizar material de excarceración para liberar unha muller, unha das dúas persoas que viaxaban no turismo. 

Ámbalas persoas ocupantes do turismo foron trasladadas polos servizos sanitarios a un centro hospitalario para ser atendidas das feridas.

Desde o 112 solicitouse a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061; dos Bombeiros de Vilagarcía; da Garda Civil de Tráfico; Policía Local; voluntariado de Protección Civil de Cuntis e do persoal da empresa subministradora da electricidade. Ata o lugar tamén se trasladaban integrantes das agrupacións de voluntarios de Protección Civil de Caldas de Reis e de Portas.