Educación licitará nas próximas semanas a construción do novo colexio de Vilalonga

Sanxenxo
17 de maio 2019

Ata 450 alumnos cursarán os seus estudos no novo CEIP do Revel, en Vilalonga. As previsións da Xunta é que este centro educativo estea operativo no curso 2020-2021. A súa construción, que vén de autorizar o goberno galego, conta cun orzamento de 5.139.980 euros

Visita aos terreos do novo colexio de Vilalonga Xunta

Ata 450 alumnos cursarán os seus estudos no novo CEIP do Revel, en Vilalonga. As previsións da Xunta é que este centro educativo estea operativo no curso 2020-2021. A súa construción, que vén de autorizar o goberno galego, conta cun orzamento de 5.139.980 euros.

Tras a tramitación administrativa do expediente de contratación, a Xunta agarda licitar as obras antes de que remate o mes de maio.

O novo colexio dará resposta ás necesidades de escolarización dunha zona na que o centro de referencia é o CEIP Cruceiro, moi antigo.

O centro albergará 18 aulas docentes (seis de infantil e doce de primaria), catro aulas de apoio educativo, aula de usos múltiples, biblioteca, aulas de informática e música, ximnasio e comedor, así como unha zona de administración que incluirá despacho do director, do xefe de estudos e de coordinación e orientación, secretaría e arquivos, sala de profesores, ANPA, aseos e conserxería. Así mesmo, contará cos servizos comúns correspondentes.

O edificio estruturarase en tres plantas, pequeno semisoto, planta baixa e primeira.

Na planta semisoto situaranse as zonas de instalacións e o ximnasio, mentres que a planta baixa albergará os accesos ao centro, a sala de comedor-usos múltiples, sala de profesores, administración, aulas de infantil e desdobre, así como a biblioteca, aula de informática e un gran patio central.

Na planta primeira estarán as aulas de primaria, a de música e a de orientación. Na zona sur na zona libre da parcela haberá unha pista polideportiva.

O centro contará con accesos independentes para o tráfico rodado e para o peonil, así como cun terceiro acceso para persoas con mobilidade reducida. Así mesmo, estará dotado de aparcadoiros.

O Concello de Sanxenxo xa puxo a disposición da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional os terreos necesarios, que suman en total preto de 15.000 metros cadrados, a través dun convenio asinado o 22 de agosto de 2018.