Educar para cambiar a mirada sobre a violencia machista

Pontevedra
25 de novembro 2016

Alumnado, profesorado, familias, clase política e veciñanza. Todos participaron no acto central do Concello de Pontevedra con motivo do Día Mundial da Eliminación da Violencia sobre a Muller no colexio de Ponte Sampaio, a parroquia na que medrou, viviu e foi asasinada a única vítima mortal da violencia de xénero do municipio, Conchi Reguera 

O colexio de Ponte Sampaio canta 'Sorrindo' contra a violencia machista / Mónica Patxot

Alumnado, profesorado, familias, clase política e veciñanza. Todos participaron este venres 25 de novembro no acto central organizado polo Concello de Pontevedra con motivo do Día Mundial da Eliminación da Violencia sobre a Muller. O lugar escollido foi o colexio público de Ponte Sampaio, a parroquia na que medrou, viviu e foi asasinada a última vítima mortal da violencia de xénero do municipio, Conchi Reguera Peón, e toda a comunidade educativa quixo trasladar a súa implicación en "educar para cambiar a mirada" e que non se repitan crimes machistas como o que os conmocionou hai 13 meses. 

O protagonismo adquiriuno o alumnado, que levaba días preparando o acto e ensaiando 'Sorrindo', unha canción composta con motivo deste 25-N por Sergio Meis, profesor de música do centro. "Para ser feliz, o mellor é convivir todos xuntos", cantaron e lograron que se lle uniran todos os asistentes para pechar un acto cargado de emotividade e que estivo presidido por un mural xigante elaborado para a ocasión baixo o lema 'Levarse ben, mola' e contou coa participación de avoas, avós, nais, pais, tíos e políticos de todas as formacións con representación no Concello de Pontevedra, BNG, PP, PSOE, Marea e Ciudadanos. 

Previamente, voceiros de todos os cursos do colexio trasladaron aos presentes as súas propias mensaxes, nas que contaron, entre outras ideas, que "os nenos e as nenas de 5 anos divertímonos, aprendemos, respectámonos", "os nenos e as nenas de cuarto de primaria xogamos xuntos e somos todos iguais" ou "os nenos e as nenas de quinto e sexto respetámonos, compartimos e convivimos dentro da escola e fóra da escola". 

Verdadeiras leccións de tolerancia e entendemento que desde o centro destacan que son froito do traballo diario que se fai neste colexio en coeducación e convivencia. Este traballo inspirou o conto escrito e lido polo alumnado de maior idade, a historia de Román e Elena que deixa a seguinte ensinanza: "Aplicando as elementais normas de convivencia, como cambia o conto!".

En nome de todas as familias, a ANPA do colexio demandou "leis máis duras e xustas", pero tamén unha maior concienciación de todos porque "a lei non cambia a sociedade por si soa", e o director do centro, Avelino Cabaleiro, explicou que este acto se organizou baixo o convencemento de que "a tolerancia, a amizada, o afecto, o respecto e a igualdade deben ser os principios e referentes nas relacións e na convivencia" no ámbito escolar, no ámbito familiar, social e laboral, na complexa actividade política e, en xeral, en toda forma de relación humana.

Os asistentes foron obsequiados cun globo lila que levaba o alumnado na man como símbolo do seu compromiso para "xerar cambios, para construír xuntos un presente e un futuro de convivencia asentado no respecto e na igualdade" e, recollendo a mensaxe, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, chamou a "educar en igualdade", unha tarefa que é de toda a sociedade, das familias e do colexio, o lugar onde "se cambian os valores xerais".