Se en algo coincidiron todos os candidatos a estas eleccións do 26-X pola provincia de Pontevedra é en animar á participación dos cidadáns nesta cita coas urnas que, dunha maneira ou outra, consideran "importante" para o futuro da provincia e de todo o país.
En Pontevedra, o primeiro candidato en exercer o seu dereito ao voto foi Luís Bará (BNG-Nós). Acompañado do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, fíxoo pouco antes das dez da mañá no IES Frei Martín Sarmiento.
"Esperemos que sexa un bo día e que os resultados sirvan para que Galicia teña unha presenza que defenda os seus intereses en Madrid ", sinalou Bará que confía en que nesta "nova oportunidade", o BNG recupere o deputado perdido en decembro.
Pola súa banda, Ana Pastor (PP) votou ás doce do mediodía no CEIP Campolongo xunto ao presidente dos populares pontevedreses, Alfonso Rueda. A ministra de Fomento en funcións mostrou o seu desexo de que os pontevedreses voten "usando el sentido común" e pensando na "estabilidad" do país.
"Espero que no estemos votando de nuevo dentro de tres meses", dixo.
Nese mesmo colexio votou María Rey, candidata de Cidadáns, que espera que estas eleccións sirvan para que o seu partido "siga creciendo" e poida lograr un deputado pola provincia. "Para mí lo importante es que nos vayamos consolidando y cada vez seamos más", asegurou a preguntas dos xornalistas.
Ante a ausencia da candidata de En Marea, Alexandra Fernández, que votou en Vigo, as representantes desta formación en Pontevedra foron Ángela Rodríguez (número 2 ao Congreso) e Vanessa Angustia (candidata ao Senado), que votaron nos colexios Froebel e Campolongo, respectivamente.
"Temos a sensación que desta vai, que estamos nun cambio de ciclo histórico e estamos votando cunha ilusión que eu non recordo noutras ocasións porque estamos rozando coa punta dos dedos o goberno de cambio", sinalou Ángela Rodríguez.
Guillermo Meijón, actual deputado en Madrid, foi a referencia do PSdeG-PSOE en Pontevedra. O número 2 da candidatura dos socialistas na provincia votou ás doce do mediodía no colexio electoral situado no Arquivo Provincial da rúa Pai Amoedo.
Entre outros líderes, neste 26-X tamén votaron na cidade de Pontevedra o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que o fixo na Casa da Cultura de Marcón; a portavoz do PSdeG-PSOE no Parlamento de Galicia, Patricia Vilán, que depositou o seu voto no IES Valle Inclán; ou o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, que exerceu o seu dereito ao voto no Centro Galego de Tecnificación Deportiva.