Emma Torres, única aspirante a ocupar o Decanato de Ciencias Sociais e da Comunicación

Pontevedra
30 de outubro 2020

O vindeiro martes 3 de novembro realizarase a votación e esta profesora do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade será proclamada decana da facultade do campus de Pontevedra, posto ao que renunciou Xosé Baamonde. Torres repetirá no cargo despois de telo asumido entre xullo de 2014 e decembro de 2015

Emma Torres será, de novo, decana da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación DUVI

O vindeiro martes 3 de novembro realizarase a votación ao decanato na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e Emma Torres, profesora do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade, será proclamada nova decana, despois de que Xosé Baamonde presentara a súa renuncia despois de ocupar este cargo desde decembro de 2015.

Emma Torres encabeza a única candidatura que se presenta a este proceso electoral. Xa ocupara este posto durante 17 meses, converténdose na primeira decana desta facultade. Pero en decembro de 2015 decidiu presentar a súa dimisión debido ás dificultades que lle supoñía compatibilizar esta actividade co papel político que desempeñaba como tenente de alcalde no Concello do Grove.

Agora, xa desligada das súas funcións no municipio ao deixar a política en marzo de 2019, quere asumir as rendas da titulación no campus pontevedrés e dar continuidade ao traballo do decano anterior, que se viu alterado pola irrupción da covid-19.

Segundo publica o DUVI, entre os seus obxectivos atópase a idea de retomar a normalidade universitaria no posible, a pesar dos condicionantes que marca a pandemia. Apoia a creación da  Facultade de Dirección e Xestión Pública. Outra das súas iniciativas é a de actualizar os contidos do plan de estudos do grao en Publicidade e Relacións Públicas, que se somete este curso á renovación de acreditación.

Por último, tamén ten previsto acometer a renovación do material que se utiliza no grao en Comunicación Audiovisual.