Empeza o proceso de selección de participantes no EmpregaMarín

Marín
06 de decembro 2017

O salón de actos da biblioteca pública municipal celebrou a primeira sesión de acollida coa que arranca o proceso de selección de participantes no programa integrado de emprego EmpregaMarín IV

Sesión de acollida do Programa Integrado de Emprego EmpregaMarín IV Concello de Marín

O salón de actos da biblioteca pública municipal celebrou a primeira sesión de acollida coa que arranca o proceso de selección de participantes no programa integrado de emprego EmpregaMarín IV.

Máis dun cento de persoas demandantes de emprego, convocadas a través dos servizos públicos de emprego da Xunta de Galicia, acudiron a recibir información sobre o programa e, de ser o caso, tomar parte no devandito proceso de selección, que terá continuidade nas vindeiras semanas con entrevistas individualizadas, ata completar as 85 prazas.

O programa desenvolverase ata o 30 de novembro de 2018 e o colectivo ao que vai dirixido son traballadores desempregados inscritos como demandantes de emprego e menores de 30 anos. Todas aquelas persoas interesadas en tomar parte no mesmo, e que reunan ditos requisitos, aínda poden facelo, para o que terán que contactar coa sua oficina de emprego e indicar o seu interese en participar no proceso de selección.

A finalidade última do programa integrado de emprego Empregamarín IV é a de posibilitar a integración laboral de persoas demandantes de emprego con dificultades para acceder a unha ocupación no mercado laboral.

Este programa, dirixido á mellora da ocupabilidade e á inserción laboral das persoas traballadoras en situación de desemprego, contempla a posta en marcha dun plan integral que combinará accións de diversa natureza como información, orientación e asesoramento, formación (o programa contará con accións formativas para a adquisición de aptitudes profesionais en especialidades como Loxística e distribución; Técnicas de limpeza hospitalaria; Reparación de embarcacións pneumáticas e Operacións auxiliares de comercio), práctica laboral, prospección de empresas e intermediación laboral, mobilidade xeográfica ou formación para a igualdade.

Como nas edicións anteriores, os participantes contarán coa posibilidade de desenvolver un curso de alfabetización informática e de preparar os exames libres da ESO.