En busca e captura un home que agrediu a súa parella

Pontevedra
02 de maio 2023

O suceso tivo lugar ás 8.30 horas do pasado domingo 30 de abril nunha vivenda do lugar de Reiríz, na parroquia pontevedresa de Alba

Axentes das Policías Nacional e Local | ARQUIVO

As forzas e corpos de seguridade buscan un home como autor dun delito de violencia de xénero.

O suceso tivo lugar ás 8.30 horas do pasado domingo 30 de abril nunha vivenda do lugar de Reiríz, na parroquia pontevedresa de Alba. 

A vítima chamou á Policía desde a casa dunha veciña onde se refuxiou despois de ser agredida e ameazada por parte do seu cónxuxe.

A parella chegou á súa casa e houbo un forte discusión que derivou nun forcexo.

O home fuxiu do lugar, está identificado pero non foi detido. 

PREOCUPACIÓN

A portavoz do Goberno local, Anabel Gulías quixo chamar a atención sobre "unha situación que nos preocupa e que nos ten fartas": a violencia machista. 

"É frustrante porque é difícil asumilo como muller, como representante política e incomprensible dende todos os puntos de vista que haxa partidos políticos ou a sociedade que actuen como cómplices da violencia machista negando os feitos obxectivos, as mortes, as amenzas e as lesións", explicaba a portavoz do Goberno.

"A violencia machista existe, e é obriga das institucións e da sociedade impedila", indicou "e hai que recordarlle ás vítimas que non están solas, que poden utilizar todos os sistemas que a administración ten habilitados". Tamén se referiu aos agresores e confirmou que se teñen que sentir "sinalados, que sintan que son obxecto do enfado e da acción contundente de Pontevedra, e da sociedade en xeral".