En Marea prepara as liñas estratéxicas de cara ás eleccións municipais de 2019

Pontevedra
18 de febreiro 2018

O portavoz da agrupación política asistiu este domingo á xornada de municipalismo que se celebraba no Centro Leste en Pontevedra coa idea posta en mellorar os resultados electorais

Xornada sobre municipalismo de En Marea Diego Torrado

Radicalidade democrática e ética na política son os principios cos que os integrantes de En Marea queren preparar as próximas eleccións municipais, previstas para 2019. 

Este domingo celebrábase no Centro Leste, en Pontevedra, a xornada sobre municipalismo na que a agrupación política establece os fins estratéxicos para a próxima cita coas urnas.

Luís Villares, portavoz de En Marea, acudía a este acto e manifestaba a necesidade de unir a todos os integrantes para traballar e ofrecer unha maior democratización das institucións e unha maior xustiza social. Entre elas, destacou que, a pesar de ser contrarios á existencia das deputacións, traballarán desde dentro desta administración para tentar loitar por lograr unha maior xustiza social.

Villares indicou que o Partido Popular, principal partido a bater nos comicios, ten que estar preocupado porque En Marea non ten previsto renderse. O obxectivo é buscar alternativas para defender os dereitos das persoas. 

Tras esta xornada, a comisión designada para o plenario de marzo será a encargada de redactar un documento en que se sumen todas as achegas efectuadas ao longo desta xornada, que tamén se levou a cabo no resto de capitais das provincias galegas.