En Valdecorvos só haberá árbores autóctonas

Pontevedra
07 de novembro 2016

O parque de Valdecorvos xa está libre de plantas invasoras. Os operarios do servizo de Medio Ambiente Natural do Concello xa remataron cos traballos de roza, limpeza e posta a punta deste espazo público que, a partir de agora, estará dispoñible para o uso da veciñanza

Parque de Valdecorvos, Pontevedra Concello de Pontevedra

O parque de Valdecorvos xa está libre de plantas invasoras. Os operarios do servizo de Medio Ambiente Natural do Concello xa remataron cos traballos de roza, limpeza e posta a punto deste espazo público que, a partir de agora, estará dispoñible para o uso da veciñanza.

Nos últimos días, os operarios fixeron unha limpeza a fondo da senda fluvial cunha roza mecánica seguida doutra ao detalle feita de xeito manual na beira do río coa fin de retirar plantas invasoras.

O punto de entrada do río Valdecorvos na urbanización, segundo recordan desde o Concello, era un bosquete moi mesto onde medraban canas, acacias, mimosas e eucaliptos.

Cortáronse todos estes exemplares deixando en pé as poucas árbores de especies autóctonas que vivían no lugar. A partir de agora teñen espazo para medrar e que nazan novos individuos tanto de especies arbóreas como herbáceas que ata o de agora tíñano moi difícil pola escaseza de espazo e de luz e polos efectos alelopáticos das especies invasoras.

Por outra banda, limpáronse os noiros nos que tamén medraba mucha vexetación e de fóra, arranxouse e se lle deu un tratamento protector á pasarela e actuouse sobre o camiño -arranxo do firme- e renováronse as arquetas.

Rematados todos estes traballos, o parque quedará listo para o uso da veciñanza coa retirada nestes días de madeira acumulada das rozas.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora