Encargan un plan para o acondicionamento integral da Illa das Esculturas

Pontevedra
18 de outubro 2021

Así o anunciou o edil de Patrimonio, Xaquín Moreda, no pleno da corporación no que, a proposta do PP, debatíase unha moción na que se reclamaba unha actuación urxente para frear a deterioración deste espazo. Foi aprobada por unanimidade

Illa das Esculturas Juan Mejuto

O goberno municipal de Pontevedra encargou un estudo para o acondicionamento integral da Illa das Esculturas, un informe que incluirá medidas para a posta en valor deste enclave natural e artístico.

Así o anunciou o edil de Patrimonio, Xaquín Moreda, no pleno da corporación no que, a proposta do PP, debatíase unha moción na que se reclamaba unha actuación urxente para frear a deterioración deste espazo. Foi aprobada por unanimidade.

Moreda, en nome do executivo local, celebrou a "moción construtiva" presentada polos populares, que "achega ideas" que se estudarán no marco dunha futura actuación.

Previamente Ana Isabel Vázquez, a concelleira que presentou esta iniciativa para o seu debate no pleno, destacara o carácter "pioneiro" dun parque que, inaugurado en 1999, conta con obras de artistas "de gran relevancia" feitas exprofeso para este proxecto.

"Non é bo para Pontevedra", sinalou, a falta de mantemento da Illa das Esculturas porque "dana a nosa imaxe", algo que para comprobar "só hai que dar un paseo pola zona".

Para a edil do PP é "absolutamente necesario" un plan para corrixir o "mal estado" do parque, citando deficiencias como pintadas e actos vandálicos nas esculturas, unha iluminación "insuficiente" ou a falta de identificación das obras de arte.

Ademais, Vázquez pediu máis información nas webs municipais sobre a Illa das Esculturas ou a posibilidade de organizar visitas guiadas a todo o complexo.

REXEITAMENTO Á MOCIÓN SOBRE O ALBERGUE DE CÁRITAS

Menos sorte correron as outras dúas mocións presentadas polo PP, xa que non foron aprobadas as súas iniciativas para apoiar economicamente o novo albergue de Cáritas e para impulsar medidas de conservación e mantemento dos cemiterios municipais.

Ambas as mocións foron defendidas por Pepa Pardo, que ante a falta de resposta do goberno municipal sobre a primeira delas, acusou a BNG e PSOE de ter "poco respeto" polos servizos sociais e profesar un "comunismo pijo".