ENCE cifra o seu traslado en 700 millóns e reitera que "non é viable"

Pontevedra
12 de marzo 2021

Entenden que este traslado non sería posible nin desde o punto de vista técnico, ao ter que estar preto dun porto, ter auga nas proximidades e acceso a madeira, nin desde o punto de vista económico ante o custo que tería esta operación

Fábrica de ENCE en Lourizán Mónica Patxot

A empresa Ence negou este venres estar "a promover" as protestas realizadas polos seus traballadores en Pontevedra, que onte protagonizaron un violento escrache contra o alcalde da cidade e varios membros do seu goberno.

Nun comunicado, a compañía desvincúlase "tallantemente" destas mobilizacións e manifesta a súa "disposición" ao diálogo coas diferentes administracións.

A pesar diso, Ence insiste en que non existe ningunha localización alternativa que sexa "viable" para trasladar a súa fábrica de Pontevedra.

Entenden que este traslado non sería posible nin desde o punto de vista técnico, ao ter que estar preto dun porto, ter auga nas proximidades e acceso a madeira, nin desde o punto de vista económico ante o custo que tería esta operación.

Ence cifra nuns 700 millóns de euros o investimento necesario para construír unha nova planta en Galicia.

A compañía entende, por tanto, que non existe ningún lugar "en toda a comunidade galega" que permita recolocar a súa produción.