Encontro coa militancia do PSOE para "superar o listón do 30% do voto en Pontevedra"

Poio
07 de xullo 2023

O candidato ao Congreso, David Regades, mantivo esta semana un encontro coa militancia da comarca de Pontevedra no Parque da Memoria, en Poio, con motivo das Eleccións Xerais do 23 de xullo  

Encontro do PSOE coa militancia de Poio
Encontro do PSOE coa militancia de Poio / Concello de Poio

O candidato ao Congreso, David Regades, mantivo esta semana un encontro coa militancia da comarca de Pontevedra no Parque da Memoria, en Poio, con motivo das Eleccións Xerais do 23 de xullo.

Regades destacou que o partido está envorcado no obxectivo de volver "superar o listón do 30% do voto e colocar novamente a Pontevedra no grupo das 10 provincias con máis apoio socialista en toda España", algo que considera "compatible coas enquisas publicadas".

Durante o acto, no que tamén tomaron parte Marica Adrio e Modesto Pose, que o acompañan na lista, e os voceiros en Poio e Pontevedra, Gregorio Agís, e Iván Puentes, Regades recordou que o PSdeG-PSOE venceu nas dúas últimas Xerais na nosa provincia e agora toca "que continúen os avances sociais e que os proxectos das infraestruturas paralizados durante a etapa de Mariano Rajoy e Ana Pastor, como o nudo de Bombeiros de Pontevedra, saian adiante".

Alertou do risco de retroceso social que suporía un goberno conformado entre PP e Vox e engadiu que a dereita e a ultradereita comparten co BNG "a vergoña de terse oposto ou abstido nas principais leis sociais aprobadas polo Goberno de Pedro Sánchez nos últimos cinco anos".

Ao seu xuízo "é inconcibible que o BNG se opuxera á Reforma Laboral ou non se puxera do lado das forzas de progreso que impulsaron a suba das pensións, a Excepción Ibérica que baixou o recibo da luz ou do decreto que regula a xestión dos 140.000 millóns de euros dos fondos europeos".

"Un BNG", continuou Regades, que "tampouco apoiou a Lei de Vivenda, a Lei do Cambio Climático, a Lei de Memoria Democrática a Lei de Benestar Animal, a suba do salario dos empregados públicos, ningún dos tres Orzamentos Xerais do Estado aprobados por este Goberno e que financiaron tódolos avances sociais".

Por eses motivos, Regades animou á militancia da comarca de Pontevedra a facer ver que "a mellor maneira de defender a esta provincia e ao conxunto de Galicia é votar ao Partido Socialista, que conta con tres deputados e dous senadores que sempre ergueron a voz e deron o seu voto para impulsar as medidas que melloraron a vida de Pontevedra e Galicia".