O goberno local de Vilagarcía de Arousa reformula o sistema de tarifas do lixo para as Vivendas de Uso Turístico (VUT), vinculando o gravame ao número de prazas dispoñibles.
Desde o 1 de xaneiro, as vivendas turísticas pasarán de pagar os actuais 27,72 euros por habitación ao ano, a un fixo de 129,56 euros por vivenda máis 6,50 euros por cada praza rexistrada, igualando así a tarifa das vivendas habituais, pero sumando o extra segundo a capacidade do inmoble.
Esta medida, acordada entre PSOE e BNG, inclúe tamén a creación dun rexistro municipal de VUT, co obxectivo de controlar e ordenar esta actividade.
A nova ordenanza, que será debatida neste vindeiro pleno do 30 de outubro, crea un epígrafe específico para estes aloxamentos, diferenciándoos dos hoteis e pensións polo uso continuado do servizo de recollida de residuos.
Por exemplo, un piso turístico con dúas habitacións pasará de tributar 55,44 euros a pagar entre 132,56 e 145,56 euros ao ano, segundo as prazas rexistradas.
O resto das modificacións propostas polo goberno son de carácter técnico e non afectan ás tarifas, agás a da auga, que sobe un 2,7% debido ao IPC segundo o contrato vixente.
O documento que regulará o uso do parking Xoán XXIII, con bonificacións para residentes e usuarios do comercio local, será presentado na sesión plenaria do vindeiro mes de novembro.
POSTURA DO BNG
O BNG de Vilagarcía tamén considera positiva a modificación da taxa do lixo para as Vivendas de Uso Turístico en Vilagarcía, cumprindo así un primeiro paso do acordo co goberno local para os orzamentos de 2026.
O grupo nacionalista insiste en que é necesario avanzar con máis medidas, como a creación dun rexistro de VUT e novas taxas ligadas á apertura e licenza de actividade, para garantir unha fiscalidade máis xusta e controlar o impacto destes alugueiros na cidade.