Chega unha nova entrega da serie A cociña gourmet en conserva, da man de Conservas Pescamar. Nesta ocasión, elaboramos unha ensalada chea de matices e moi sinxela de preparar, na que a Ventrecha de Bonito do Norte en aceite de oliva gourmet Pescamar é a auténtica protagonista, achegando a súa textura zumenta e o seu exquisito sabor.
A ventrecha de Bonito do Norte está considerada unha das pezas máis apreciadas do peixe polo seu extraordinario sabor e tenrura. Ademais, constitúe unha excelente fonte de proteínas de alto valor biolóxico e de ácidos graxos Omega-3.

Para preparar esta deliciosa Ensalada gourmet con Ventrecha de Bonito do Norte Pescamar para catro persoas necesitamos os seguintes ingredientes:
- 2 latas de Ventrecha de Bonito do Norte en aceite de oliva gourmet Pescamar
- 200 g de mestura de brotes verdes (rúcula, cóengos e espinaca baby)
- 2 aguacates maduros
- 12 tomatiños cherry
- 150 g de queixo tipo feta
- 2 culleres de olivas verdes picadas
- 1 ceboliño tenro
- 2 culleres de alcaparras (opcional)
- 2 culleres de aceite de oliva virxe extra
- 1 culler de zume de limón
- Pementa negra recentemente moída
- Romeu fresco
Preparación:
Colocamos unha poliña de romeu fresco nun vaso coas dúas culleres de aceite de oliva virxe extra.
Escorremos as latas de ventrecha de Bonito do Norte en aceite de oliva gourmet Pescamar e incorporamos o aceite da conserva no vaso.
Distribuímos os brotes verdes nunha fonte. Picamos os lombos de ventrecha e engadímolos á base de follas verdes.
Pelamos os aguacates e cortámolos en dados. Lavamos os tomates cherry e partímolos pola metade.
Laminamos finamente o ceboliño e repartimos estes ingredientes sobre a ensalada.
Engadimos o queixo feta en anaquiños, as olivas moi picadas e, se o desexamos, as alcaparras, repartindo todos os ingredientes de forma uniforme.
Para o aderezo, retiramos a poliña de romeu do vaso, agregamos o zume de limón e un pouco de pementa negra recentemente moída. Batemos lixeiramente ata emulsionar.
Aderezamos a ensalada xusto antes de servir e decorámola cunhas poliñas de romeu fresco.
En dúas semanas, os produtos do mar volverán ser protagonistas dunha nova receita da Cociña gourmet en conserva de Conservas Pescamar.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.