Entre San Xoán e San Bieito reformaranse Cruz Gallástegui, Castelao e Daniel de la Sota

Pontevedra
18 de maio 2016

A idea que baralla o goberno local é a de aproveitar para facer "gran parte das obras" nese intervalo de tempo entre o final do curso escolar e o inicio das festas, o que Luís Bará resumiu como ese espazo de tempo "entre san Xoán e San Bieito" xa que neste período os traballos terían "menos impacto" polo que consideran que é "o momento máis oportuno"

Cruzamento entre as rúas Sagasta, Cruz Gallástegui e Castelao Mónica Patxot

O concelleiro de mobilidade do Concello de Pontevedra, Luís Bará, avanzou que a reforma das rúas Cruz Gallástegui, Castelao e Daniel de la Sota acometerase o próximo mes de xuño.

A idea que baralla o goberno local é a de aproveitar para facer "gran parte das obras" nese intervalo de tempo entre o final do curso escolar e o inicio das festas, o que Luís Bará resumiu como ese espazo de tempo "entre san Xoán e San Bieito" xa que neste período os traballos terían "menos impacto" polo que consideran que é "o momento máis oportuno".

Nos últimos días o goberno local mantivo reunións co colectivo de taxistas, os responsables do Hospital Miguel Domínguez, ou os comerciantes da zona e segue pendente a celebración da comprometida asemblea informativa que, en principio, celebrarase a próxima semana.

"Seguimos adiante coa idea de facer esa transformación na zona e sobre ese plan concibido non hai nada que o desbote", asegurou Luís Bará.

Lembremos que nas rúas Daniel de la Sota, Cruz Gallástegui e Castelao, modificarase o actual sentido da circulación e crearase unha plataforma única mediante a elevación da calzada ata a altura das beirarrúas mediante un asfalto coloreado.