O Entroido de Cobres regresa ás rúas con catro días de tradición e festa

Vilaboa
23 de xaneiro 2026
Actualizado: 18:24

A festa, organizada pola Asociación Cultural Cobres, combina tradición centenaria, música en directo, gastronomía e rituais singulares

Entroido de Cobres 2025
Entroido de Cobres 2025 / Cristina Saiz

Vilaboa prepárase para vivir un dos eventos máis emblemáticos de Galicia: o Entroido de Cobres 2026, que se celebrará do 14 ao 17 de febreiro.

A festa, organizada pola Asociación Cultural Cobres, combina tradición centenaria, música en directo, gastronomía e rituais singulares, e mantén como protagonistas ás elegantes Madamas e Galáns, símbolos do carácter único desta celebración.

A apertura terá lugar o sábado 14, con percorridos polas rúas entre as 10:00 e as 19:00 horas e chegada á carpa, onde ás 22:00 horas dará comezo a Gran Festa de Apertura coa actuación da Orquestra Kubo e do Trío Tic Tac, marcando o inicio dunha fin de semana cargada de actividade festiva.

O domingo 15 repetirá o esquema tradicional con percorridos matinais e vespertinos polas parroquias e chegada á carpa, rematando a xornada cunha festa animada por Son das Tabernas, co repertorio pensado para o baile e a participación do público.

O luns 16, coñecido como Luns de Maghachos, as rúas volverán encherse de cores e tradicións. Á noite, a partir das 21:30 horas, a carpa será o epicentro cunha sesión de música e humor a cargo da Orquestra Magos e o Trío La Noche, nunha das citas máis multitudinarias do Entroido.

O martes 17, día grande da festa, comezará cun percorrido reducido ata as 13:00 horas, seguido dunha sesión vermú amenizada polo Dúo Los Dinámicos e unha comida popular con polbo, churrasco e outras delicias típicas. Pola tarde, ás 16:30 horas, chegarán os rituais máis emblemáticos: Galo no Río, Galo na Vara, Corrida, Predicador e Queima do Galo, coa participación de Isi da TVG e Marci Varela. A festa continuará coa música da Fanfarria Furruxa e rematará co DJ Gabryd, que poñerá o broche final a catro días de celebración.

A organización anima a veciñanza e visitantes a seguir todos os percorridos e novidades a través das redes sociais oficiais e da web entroidodecobres.com, reforzando así a difusión dunha festa que cada ano atrae a centos de persoas e que segue sendo un símbolo de identidade, orgullo e tradición para Vilaboa.

Arquivado en