O Entruido chega este sábado 22 a Soutomaior cun desfile con 15 comparsas

Soutomaior
18 de febreiro 2025

A cita comezará ás 17:30 horas da rúa Calvario e contará coa participación de 15 comparsas. Chegará a partir das 20.00 horas a Talo Río. O primeiro tramo do desfile será silencioso

Manu Lourenzo presenta la programación del Entruido Concello de Soutomaior

O 'Entruido' chega este sábado 22 de febreiro a Soutomaior cunha primeira cita moi agardada, o tradicional desfile, de temática variada: fantasía, xogos, aventura, viaxes, persoaxes históricos e da realeza, natureza, circo e piratas.

A cita comezará ás 17:30 horas da rúa Calvario e contará coa participación de 15 comparsas, que chegarán a partir das 20.00 horas a Talo Río. 

Serán as comparsas da Asociación Cultural Amigos dos Rapaces, Asociación Cultural Trompos Os Pes, Os Parrulos de Marín, Asociación A Pandilla, Asociación o Millor de cada Casa de Vincios, Asociación Carnavalera Os Campechanos, Asociación Cultural de Pontellas, Asociación Os Festeiros de Bembrive, Asociación Andaina de Persoas con Diversidade Funcional de Redondela, Asociación Agrupación Cultural A Cividade, Asociación Cultural Comparsa Luces de Tomiño, Asociación Os Da Casa, Asociación Cultural de Festas de Cepeda. Uniranse a Comparsa Municipal e, como convidadas, a Asociación Cultural Moreira a Tope e a Asociación Cultural Miúdos.

O primeiro tramo do desfile, entre a rúa Calvario e o cruce de Cima de Vila, será silencioso para que todas as persoas poidan gozar en igualdade de condicións desta cita.  

O percorrido estará encabezado polo pregoeiro deste ano, Juan de Arcade, que vai ler o pregón en Talo Río. A festa seguirá coa actuación do Trío Azabache. 

A seguinte cita do Entruido de Soutomaior será o domingo 23 de febreiro cun obradoiro de máscaras tradicionais, que terá lugar na Casa da Cultura Rexina Míguez Noval, en Soutomaior, e estará impartido por Rafa Quintía e Pili Silva.

As persoas interesadas en inscribirse poden facelo ata este xoves en https://soutomaior.gal/produto/obradoiro-de-mascaras-de-entruido/

O venres 28 as pequenas e pequenos do CEIP Manuel Padín Truiteiro desfilarán polas rúas de Arcade a partir das 10:30 horas desde o cruce de subida do colexio. 

O sábado 1 de marzo centrarase toda a actividade na Casa do Pobo da Pedreira, onde terá lugar o Encontro de Entruidos coa sesión vermú protagonizada por 'Fanfarria Furruxa'. A continuación, será o Xantar Veciñal do Galo con arroz. Despois do xantar, terá lugar a Procesión do Galo con xogos e actividades infantís e cunha verbena con música popular e co 'Dúo Marema'. 

O Concello convidou todas as asociacións a participar nesta cita de reencontro e de unión do pobo. O menú terá un prezo de 15 euros e as persoas interesadas en asistir deberán de mercar o seu ticket en calquera asociación do municipio.

O domingo 2 de marzo, as pequenas e pequenos serán os grandes protagonistas coa súa 'Festa infantil: Quiquiriquí o galo corre aquí', unha cita onde as quiricas e quiricos farán moitos xogos populares e onde poderemos desfrutar do gran espectáculo de 'Barafunda no galiñeiro'.

O martes 4 de marzo, martes de Entruido, celebrarase a fiada, que estará amenizada con música e baile tradicional. Participarán as pandereteiras de Gharghamala, de Aboal, de TouTón de Pazos de Borbén, de San Vicente, e da Hermida, entre outras. Todo aquel que queira unirse está convidado a participar nesta Fiada do martes de Entruido que se celebrará de 20:30 a 00:00 horas. 

Para rematar o Entruido, o Concello volve a recuperar o enterro da sardiña o 5 de marzo, mércores de cinza. Sairá ás 19:30 horas da Praza de Cima de Vila. O percorrido será dende a Praza, pasando pola rúa Xosé Solla para finalizar no campo da petanca onde vai desepedirse á sardiña. 

O Entruido tamén chegará ao comercio e hostalería de Soutomaior co concurso Vaia Meco e co Entruido no Peto, no se que repartirán máis de 10 premios entre as veciñas e veciños que merquen no comercio local.