Envían a Costas a información para avalar ambientalmente as piscinas de auga salgada no Paseo Alcalde Blanco

Marín
13 de xaneiro 2023

"Cando teñamos a resposta favorable do ente estatal, xa poderemos poñer en marcha a licitación e avanzar nun proxecto tan importante para a nosa vila, que suporá a recuperación dun espazo clave a nivel de desfrute da cidadanía e do turismo", defende a alcaldesa, María Ramallo

Zona na que se proxectan piscinas de auga salgada, no Paseo Alcalde Blanco Concello de Marín

O Concello de Marín segue a queimar etapas na tramitación dun proxecto marcado como prioritario nos plans do goberno local, a construción de piscinas de auga salgada no Pase Alcalde Blanco.

A administración local remitiu a Costas do Estado toda a documentación requirida para que realice informe no que se demostra a compatibilidade da actuación cos obxectivos ambientais que este departamento estatal ten definidos.

Os técnicos, despois de estudar a dársena na que se actuará para habilitar as piscinas, afirman na documentación presentada que na propia zona de actuación non existe un espazo mariño natural cunha especial relevancia de protección, que conleva a imposibilidade de actuar sobre a mesma.

Cumprido este trámite "estamos á espera de que Costas informe favorablemente. A partir de entón, xa estariamos en disposición de iniciar o proceso de licitación", explicou sobre o proxecto a alcaldesa María Ramallo.