Os cambios relizados nos últimos días na zona de estacionamento de servizos da contorna do mercado de abastos e a rúa Valentín García Escudero teñen como desencadenamento a proliferación de festas improvisadas na zona.
Durante as madrugadas dAs fins de semana, era habitual que houbese vehículos aí estacionados que, terminado o horario de apertura dos locais de lecer nocturno, trasladaban a festa a ese punto.
Os veciños queixábanse de que abrían portas e xanelas dos coches, puñan música e permanecían alí, co conseguinte ruído a altas horas da madrugada.
Un exemplo desas festas pode verse neste vídeo, gravado ás catro da madrugada dunha fin de semana do último mes. Pero hai moitos máis, todos con moito ruído, música e berros.
Os veciños relatan episodios nos que o ruído tamén derivou en situacións de violencia. A modo de exemplo, indican que, nunha ocasión, presenciaron unha agresión cunha tapa dun sumidoiro e outros enfrontamentos fisicos.
Os novos sinais implican cambios nas normas de aparcadoiro que afectan a toda a cidadanía nunha zona de rúas en forma de 'U' que implica Valentín García Escudero e as rúas Serra e Jullo Camba.
Con esa nova sinalización, a diferenza das normas anteriores, tan só se pode aparcar nesas rúas durante o día para servizos durante 15 minutos e, fóra dese horario, queda prohibido deixar o coche. Só se pode aparcar de 8.00 a 21.00 horas, de noite e as fins de semana, non.
O motivo dese cambio é "garantir o descanso dos veciños", indican desde o goberno local.