Erguer despide o curso cunha festa con música en galego e dirixida aos máis novos

Pontevedra
19 de maio 2025

O evento será o xoves 5 de xuño a partir das 21:30 horas no mercado. Terá acceso libre e contará coas actuacións de Brasa, LOFV, Sudden ray of hope e Ash Diz, ademais da DJ Emejota

Presentación da 'Festa de Fin de Curso' organizada por Erguer Erguer. Estudantes da Galiza

A organización estudantil Erguer. Estudantes da Galiza, ultima os detalles para a celebración da súa primeira 'Festa de Fin de Curso', que terá lugar o vindeiro xoves 5 de xuño a partir das 21:30 horas no mercado municipal de Pontevedra.

Será unha noite de música e celebración protagonizada por talento emerxente e co galego como lingua vehicular.

Segundo Alba Quiroga, responsable en Pontevedra de Erguer, a festa busca "marcar o final dun curso académico intenso" e chegar a toda a mocidade da cidade.

O horario de inicio permitirá a asistencia dos máis novos, mentres que a finalización pasada a unha da madrugada servirá como "previa a un dos últimos xoves universitarios do curso".

Desde a organización destacan o dobre obxectivo do evento, que consistirá en visibilizar o uso do galego na música e demostrar a capacidade da mocidade organizada.

A festa, con acceso libre até completar aforamento, contará coas actuacións de catro bandas cuxos repertorios serán interpretados case integramente en lingua galega e compostos por novos talentos: Brasa, LOFV, Sudden ray of hope e Ash Diz, ademais da DJ Emejota.

Alba Quiroga agradeceu a participación altruísta das bandas e a DJ, así como "a colaboración do Concello para desenvolver unha alternativa de lecer para a mocidade, organizada por xente nova e para a xente nova".

Demetrio Gómez, concelleiro de Mocidade e Normalización Lingüística, expresou a súa "alegría pola iniciativa da mocidade da cidade que pon en valor a nosa lingua, a nosa cultura e crea espazos de lecer para as súas compañeiras e compañeiros".

Erguer. Estudantes da Galiza anima a asistir a esta primeira edición da súa 'Festa de Fin de Curso 2025', que aspira a converterse nun referente cultural e festivo para a mocidade pontevedresa.