A Escola Oficial de Idiomas sae das aulas para achegar as linguas á cidadanía

Pontevedra
13 de setembro 2025
Actualizado: 12:47

O profesorado da EOI convidou á poboación que circulaba pola Peregrina a participar en divertidos "retos lingüísticos" para visibilizar a importancia de aprender linguas

Acción na rúa da Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Pontevedra Cristina Saiz

Estudar linguas é fundamental e pode ser divertido. Así o quixo destacar este sábado o profesorado da Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Pontevedra cunha acción na rúa.

O profesorado desprazouse até a praza da Peregrina na mañá deste sábado convidando a toda aquela persoa que pasaba pola zona a participar en divertidos "retos lingüísticos".

As persoas que se sumaron á actividade puideron pór a proba os seus coñecementos en diferentes idiomas a través de dinámicas breves, xogos de vocabulario, expresións útiles e pequenos desafíos de comprensión e comunicación.

Ademais, tan só por participar, levaron un regalo sorpresa, como recordo da experiencia.

A directora do centro, María Fernández González, explicou que o que buscan é "demostrar que aprender idiomas non é só unha ferramenta práctica para os estudos ou o traballo", senón tamén "unha experiencia enriquecedora e divertida".

"Con esta acción, achegamos a escola á cidade e a cidade ás linguas", engadiu.

A actividade buscou visibilizar a importancia de aprender linguas nunha sociedade cada vez máis diversa e globalizada e dar a coñecer a ampla oferta educativa da Escola Oficial de Idiomas.

Acción na rúa da Escola Oficial de Idiomas (EOI) de PontevedraCristina Saiz