As esculturas lumínicas "Sea Birds" transforman o perfil marítimo de Vilagarcía

O Salnés
17 de marzo 2026
Actualizado: 10:06

A primeira fase do proxecto de Elías Cochón inaugurouse na noite deste luns cunha recepción moi favorable por parte da cidadanía

Iluminación Sea Birds no paseo marítimo de Vilagarcía Concello de Vilagarcía de Arousa

O paseo marítimo de Vilagarcía de Arousa conta dende a noite deste luns, 16 de marzo, cunha nova proposta visual tras a entrada en servizo dos primeiros exemplares do proxecto de iluminación Sea Birds.

A instalación destas pezas, situadas no tramo que discorre xunto ao piñeiral da Concha, xerou unha notable expectación e impresións positivas entre a veciñanza que se achegou á zona durante as súas primeiras horas de funcionamento.

A intervención artística e funcional está composta por farois monumentais de 7,5 metros de altura fabricados en aceiro cortén.

O deseño, obra do creador local Elías Cochón, inspírase no movemento das aves mariñas, cuxa silueta se reflicte na parte superior dos báculos.

Esta primeira fase da actuación comprende un total de 54 elementos que se distribuirán dende o enlace do Ramal ata as proximidades dun parque infantil fronte ao hotel Carril, combinando estruturas de dobre brazo coas de brazo único para adaptarse á anchura da senda.

O proxecto conta cun investimento de 491.000 euros, financiados a través dos fondos europeos Next Generation dirixidos ao desenvolvemento turístico, segundo indica o Concello de Vilagarcía de Arousa.

A execución técnica, realizada pola empresa Setga, avanza con celeridade tras os traballos previos de cimentación, o que permite situar a finalización desta etapa antes do remate do mes de abril.

Alberto Varela, alcalde de Vilagarcía, presentando as novas luminariasConcello de Vilagarcía de Arousa

Paralelamente, a administración local traballa na obtención de novos recursos económicos para completar a renovación total do percorrido cos seis elementos restantes que faltarían para chegar ata O Carril.

Esta renovación lumínica supón, segundo o goberno do alcalde Alberto Varela, a culminación dun proceso de transformación urbana na zona da Concha-Compostela iniciado na última década.