Máis de 1.000 persoas congregáronse este domingo na Alameda da Lama para participar na XXIV Festa do Codillo.
Os últimos pases dispoñibles para a comida vendéronse con rapidez no propio recinto, despois de que a comercialización anticipada facilitase a distribución das racións de carne estofada con guarnición e evitase a formación de ringleiras.
A xornada comezou ao mediodía coa música do grupo de gaitas Ventos da Terra. De forma paralela, o Concello da Lama e a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL) organizaron un espazo de degustación gratuíta onde se ofreceron alimentos amparados baixo Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP) e Denominacións de Orixe Protexidas (DOP) de Galicia.
O alcalde David Carrera estivo acompañado por diferentes representantes institucionais, entre os que se atopaban o novo delegado da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández López; o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias, José Balseiros; o deputado provincial Jorge Cubela; o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares.
A programación continuou durante a tarde coa animación musical da charanga Noroeste a partir das 15:30 horas.
O peche desta cita gastronómica do interior pontevedrés correu a cargo da compañía Catro Ventos, que puxo en escena o teatro musical titulado Noutrora.