Esixen á Xunta un maior control das liñas de transporte escolar en Poio

Poio
19 de xaneiro 2022

A concelleira de Educación, a nacionalista Raquel Rodríguez, vén de remitir un escrito á Xunta de Galicia, a través do cal solicita que se realice un maior control e coordinación das empresas responsables das liñas de transporte escolar por parte da Administración autonómica

Axente da Policía Local de Poio inspeccionando un autobús Policía Local de Poio

A concelleira de Educación, a nacionalista Raquel Rodríguez, vén de remitir un escrito á Xunta de Galicia, a través do cal solicita que se realice un maior control e coordinación das empresas responsables das liñas de transporte escolar por parte da administración autonómica. 

A edil do goberno local enviou esta solicitude, que tamén foi trasladada por teléfono á inspectora escolar, dando así resposta á reivindicación e inquedanza das familias, que perciben que "en moitas ocasións, os rapaces e rapazas vense na obriga de cubrir traxectos máis longos, coas conseguintes molestias en canto ao horarios de saída e chegada ás paradas se refire".

É por isto polo que Rodríguez insta ao goberno autonómico do PP a que "acade unha solución definitiva e axeitada" para "evitar estes desaxustes". 

Ademais, a concelleira de Educación lembra a necesidade de que tamén se dea cumprimento a outras cuestións formuladas polo Concello de Poio a principios de curso, entre as que figuraba a realización de inspeccións periódicas por parte da Consellería de Educación á empresa concesionaria, de modo que se garante "o correcto funcionamento do servizo", así como o cumprimento de aplicación de protocolos COVID ou que se elabora unha listaxe de usuarios.

Precisamente, a día de hoxe a administración local está realizando os controis pertinentes a través da Policía Local. A modo de exemplo, Rodríguez refírese á situación que se está a vivir no CEIP Isidora Riestra, en San Xoán.

"A día de hoxe aínda non se comunicaron de xeito oficial as paradas que afectan ao transporte neste centro, o que está a provocar un profundo malestar e moitas molestias ás familias", advirte Raquel Rodríguez, que, unha vez máis, lamenta a "desorganización e os recortes por parte da Xunta do Partido Popular neste tipo de cuestións", algo que "xa provocou problemas similares a principios de curso noutros centros educativos", como foi o caso do IES.